21 nov 2012

SEGUEN CHEGANDO NOVIDADES

E seguen chegando novidades á nosa Biblioteca.

 Falámosvos primeiro do penúltimo de don Agustín Fernández Paz. Trátase de Fantasmas de Luz, libro breve onde o noso vilalbés favorito novela o drama do desemprego nestes violentos anos dez que nos toca vivir. É, ademais, unha poderosa homenaxe á setima arte: o desempregado é un traballador do cinema que perde o seu posto. Esta circunstancia motiva que o conxunto da obra estea trufado de referencias fílmicas, frases memorables de películas e diálogos antolóxicos que non deixan a ninguén indiferente.




Traemos tamén aquí este O noso amor será eterno, saído da pluma de Rivadulla Corcón. Non se trata dunha obra recén saída do prelo, senón que xa leva algún tempo nas librarías. É por isto que algúns alumnos de noso xa a coñecen e, xa que logo, María Castro Real, de 4º da ESO,  dinos que "este libro é dos meus preferidos. a incansable loita do protagonista por conseguir o seu propósito de reunirse eternamente ca súa moza fai que vivas en propia pel a fermosa pero tráxica historia de amor eterno entre un trobador e a súa amada."
Fica claro que parece tratarse dunha historia chea de romanticismo. Nós non podemos deixar de destacar o que nos parece unha magnífica ilustración da portada.

No hay comentarios: