30 nov 2012

MISTERIO NA BIBLIOTECA!

APARECEN ESTRAÑÍSIMOS SINAIS NA BIBLIOTECA DO
COLEXIO DIVINO MAESTRO DE LUGO !!!
Nestas dúas "instantáneas" vemos a Diego Basadre, de 4º da ESO sinalando a "marca" que apareceu tanto na porta coma nunha parede da Biblioteca (non deixedes de observar as lecturas de don Diego).

Ben, o "asombroso" do caso é que estas marcas levan aí MEDIO ANO!! Foi o pasado xoves, 29 de novembro de 2012 cando alguén preguntou por elas por vez primeira! Foron Elora Pérez e Rocío Valín, de 2º da ESO as que quixeron saber de que se trataba. A súa curiosidade terá recompensa!!

Agora vén o reto. ATENCIÓN!!!
Concederaselle gran recompensa á alumna ou alumno que envíe o primeiro comentario indicando que é ese misterioso sinal, en que libro aparece e cal é a súa sinatura na nosa Biblioteca (p. ex., EPR STI 8). Ánimo aos valentes... non é tan difícil, despois de todo o profe Costa soubo de qué se trataba nada máis ver a marca...
Tede en conta tamén que pode haber variantes do mesmo sinal.
Coidamos que esta se axusta á descrición do libro...
Aínda que na peli era un pouco diferente...
Non hai máis pistas!
SHHHH!!!!

29 nov 2012

E morrerá a lingua dos galegos? EU FALAREI

 Falando hoxe un grupo de profes lembramos este alucinante lipdub que o EDLG do IES de Chapela (Vigo) elaborou o curso pasado, coa participación de máis de 400 persoas. Recentemente premiado no OUFF de Ourense, este vídeo, baseado no I WILL SURVIVE de Gloria Gaynor, foi moi divulgado pola rede o curso pasado.
Botádelle un ollo; paga a pena.

 eu falarei!

26 nov 2012

QUENTANDO MOTORES PARA O HOBBIT

Os de Ítaca andan a rematar O HOBBIT e parece que xa vai creando expectación a chegada da película de Peter Jackson. Aquí vemos a algunhas mozas da estirpe de Kavafis (ou sexa, de Ítaca) que foron sorprendidas polos paparazzis a fin de semana pasada nunha sala cinematográfica da cidade das murallas cando se fotografaban co gran Gandalf, que xa anda por cerca. O conto é, atopará Bilbo o tesouro?
E os de Ítaca, que atoparán?




23 nov 2012

CIDADE DA CULTURA

O xoves, 22 de novembro, os de 2º e 3º da ESO andaron de excursión por Compostela. Entre eles, como non, boa parte dos Leóns de Bagdad e dos de Ítaca. Da capital de Galicia visitaron o Parlamento, as cubertas da Catedral, o pazo de Xelmírez e, para rematar, foron até o monte Gaiás para ver na Cidade da Cultura a exposición Gallaecia Petrea -recoméndase vivamente- e máis a exposición de códices -si, entre eles o Códice Calixtino-, que por certo resultou interesantísima, en boa medida porque o guía era magnífico. Ben, o caso é que  á saída non houbo tempo de ir á ciclópea Biblioteca, pero os dos clubes si que se fotografaron  diante desta instalación libresca. Non estivo mal coma colofón a unha xornada intensísima na nosa "cidade eterna".

21 nov 2012

SEGUEN CHEGANDO NOVIDADES

E seguen chegando novidades á nosa Biblioteca.

 Falámosvos primeiro do penúltimo de don Agustín Fernández Paz. Trátase de Fantasmas de Luz, libro breve onde o noso vilalbés favorito novela o drama do desemprego nestes violentos anos dez que nos toca vivir. É, ademais, unha poderosa homenaxe á setima arte: o desempregado é un traballador do cinema que perde o seu posto. Esta circunstancia motiva que o conxunto da obra estea trufado de referencias fílmicas, frases memorables de películas e diálogos antolóxicos que non deixan a ninguén indiferente.




Traemos tamén aquí este O noso amor será eterno, saído da pluma de Rivadulla Corcón. Non se trata dunha obra recén saída do prelo, senón que xa leva algún tempo nas librarías. É por isto que algúns alumnos de noso xa a coñecen e, xa que logo, María Castro Real, de 4º da ESO,  dinos que "este libro é dos meus preferidos. a incansable loita do protagonista por conseguir o seu propósito de reunirse eternamente ca súa moza fai que vivas en propia pel a fermosa pero tráxica historia de amor eterno entre un trobador e a súa amada."
Fica claro que parece tratarse dunha historia chea de romanticismo. Nós non podemos deixar de destacar o que nos parece unha magnífica ilustración da portada.

19 nov 2012

HOBBIT-AGASALLO

Como sabedes, a semana pasada retamos aos nosos lectores  con tres adiviñas tiradas de O hobbit. Ben, pois transcorrida unha semana xa temos vencedor absoluto: o máis rápido do Oeste foi Vítor Suárez, de 1º da ESO, malia que algún de 2º andou moi cerca. Noraboa a todos. Aquí deixamos unha foto para ilustrar a entrega do agasallo: un exemplar do penúltimo premio Merlín, A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, que nos visitara o curso anterior e nos deixara algúns debuxos que aínda locen na nosa Biblioteca.

Na primeira foto, o Bibliotecario Maior faille entrega a Vítor do seu agasallo. Na seguinte, o premiado loce a súa nova novela.

15 nov 2012

Hai xa un tempo o alumnado do IES Chano Piñeiro, de Forcarei, gravou este vídeo de animación á lectura. Identificámonos plenamente coa descrición que fan na súa canle de youtube, que nos valería ben de bandeira:

Fomentamos a lectura porque cremos nela como un Valor. Ese Valor ausente na nosa sociedade de consumo, sen reparos en ser deshonestos, cunha soa relixión: o diñeiro.
Cremos na lectura como solución.
Cremos na lectura como viaxe, como multiplicación, como evasión, como interese, como sabedoría.
Cremos na lectura como universo. Como o don da racionalidade, da fantasía, da grandeza, do horizonte sen fin.
Cremos na lectura como CULTURA.
E sobre todo cremos na lectura no noso idioma, na nosa lingua.


Ah, por certo, a canción orixinal é do gran Manu Chao, mudándolle a letra, xaora.
Ala! DARLLE AO PLAY!

14 nov 2012

EN GALEGO

En galego, fermoso videopoema baseado nun texto de Miguel Ángel Diz. Vía http://www.coordinadoraendl.org/

En Galego - Miguel Ángel Alonso Diz from lavioneta on Vimeo.

CERTAME LITERARIO


XVIII CERTAME DE CONTOS E RELATOS CURTOS
TRAPERO PARDO


Co obxecto de contribuír a fomentar a creatividade literaria entre os
escolares e estudantes lucenses, o Concello de Lugo, convoca o
“XVIII CERTAME DE CONTOS E
RELATOS CURTOS TRAPERO PARDO”

Para ver as BASES, preme AQUÍ.
 

13 nov 2012

HOBBITADIVIÑAS

As mozas e mozos de Ítaca, como xa saberedes os máis avisados, andamos pola Terra Media, a voltas con ananos e con aneis, seguindo os pasos de Bilbo Baggins -Bilbo Bulseiro na magnífica tradución galega-. Pois nalgún dos últimos capítulos que lemos o pequeno e xa entrañable hobbit desafía a Gollum nun reto de adiviñas para ver quen se queda co anel que tanto os atrae a ambos. parecéronnos realmente inxeniosas e por iso vos traemos algunhas aquí, a xeito de desafío:
 
Caixa sen chave, tapa nin bisagra,
pero dentro un tesouro dourado garda
 
Aí vai outra:
 
Sen pernas pousa nunha perna,
dúas pernas senta preto de tres pernas,
catro pernas queda con algo
 
E outra máis de balde:
 
Devora todas as cousas:
paxaros, bestas, árbores, flores;
rilla o ferro, traba no aceiro;
converte a dura pedra en fariña,
mata o rei, arruína a cidade
e bota a alta montaña abaixo.
 
 
Ben, pois agardamos os vosos comentarios coas respostas. Prometemos premio para o primeiro que dea coas respostas e sexa capaz de retar á criatura Gollum ou ao mesmísimo Bilbo. Claro que sempre podedes esperar a ver a peli, claro.Os de Ítaca non pode participar, ehhh?! E sen trampas!!!
 

10 nov 2012

O EQUIPO SEGUE MEDRANDO

En efecto, o Equipo da Biblioteca continúa aumentando o número de colaboradores. Desde esta semana Iria López, de 3º da ESO, aquí flanqueada por dúas camaradas, incorpórase á nomina de bibliotecarios e colaborará connosco na colocación de libros, elaboración de catálogos e demais. De seguirmos a este ritmo imos ter máis bibliotecarios ca lectores! Alegrámonos moito de contar con Iria no Equipo da Biblioteca este curso, ao igual que en Ítaca

8 nov 2012

NOVO COLABORADOR

Desde esta semana temos máis axuda na xestión de usuarios. Trátase de Yoel Meilán, alumno de 2º da ESO, gran lector e asiduo visitante da nosa Biblioteca. Así pois, todos os mércores, no horario de recreo, poderedes atopalo colocando libros, axudándolle a Dánel e Laura, facendo suxestións... e se cadra mañá teremos máis novidades!

7 nov 2012

Flanagan ataca de novo

Nerea Domínguez, de 3º da ESO únese ao "Club de Flanagan" e cóntanos o seguinte a respecto de
Flanagan Blues Band:

"A min gustoume este libro porque mestura moi habilmente amor, celos, misterios, música e, sobre todo, humor. A historia consegue engancharte dende o primeiro renglón e sorprenderte cos numerosos xiros que dá a trama:

Flanagan coñece a Oriol Lahoz, un detective privado de verdade co que amiga moi axiña, pero na Semana Santa o parroco é asasinado, e o sospeitoso é Oriol. Coa axuda de Blanca, Charche e a súa moza, Flanagan empeza a investigar este caso que se remonta 20 anos atrás coa destrución da Téxtil e as continuas loitas dos Garreta e os Sellarés. Durante a busca do verdadeiro asasino atópanse con Martina Garreta,  típica muller fatal segundo Flanagan, que o mete en varios líos, dos que consegue saír ileso. Para conseguir resolver o crime, Flanagan e os seus amigos..."

6 nov 2012

CONTAXIAR OPTIMISMO PARA A LINGUA

Con frecuencia empregamos este vídeo nas aulas. Para facer pensar. Para mudar o futuro. Para rachar con prexuízos e falsas crenzas. Para que outro mundo sexa posible. Para sumar. Para abrazar. Para incluír. Para soñar.


Podes ver isto, tamén. Ou isto.

2 nov 2012

MAGOSTO: castañas a eito

Como o prometido é débeda, aí vos deixamos algunhas fotos do Magosto, das carteleiras tan chulas que fixeron os de Infantil e Primaria,... ummm! case arrecenden as castañas pola pantalla do ordenador!