30 mar 2014

LERSE: LEDICIA COSTAS e "O CORAZÓN DE XÚPITER"

Memorable encontro coa autora Ledicia Costas arredor da súa obra e, de maneira moi especial, de "O corazón de Xúpiter", a súa penúltima novela.
 

E outra volta unha muller viguesa -Elena Gallego Abad viña da bisbarra- e de novo do mundo da avogacía -ao igual que Marcos Calveiro- e máis unha vez outr@ escritor/a con capacidade de sorprender ao noso alumnado, de interesarnos e de deixarnos prendidos das súas verbas... e das historias que nos contan, das que lles lemos e mesmo das que nos parece que gardan para máis adiante. Porque, se algo fica claro logo de compartir conversas e reflexións ao longo de hora e media con Ledicia Costas, é que esta moza soubo, coma moi poucos, falarlles ás mozas e mozos dun mundo no que se senten recoñecidos, do seu mundo. Eis unha das razóns que levan amocidade á lectura: lerse, recoñecerse.


E queda claro que Ledicia ten cousas que dicirlle á mocidade e á sociedade (que magnífica obra sería esta para un Clube de Lectura con nais e pais!) sen moralinas nin consellos que ninguén pediu, pero coa enorme e terrible capacidade de pór diante de nós un espello no que mirarnos, no que a mocidade se mira e se recoñece. Outra cuestión ben diferente é que guste o que se ve, porque se ve de todo, xaora.


De modo que, tras a presentación, Ledicia foinos falando de Unha estrela no vento, escrita na adolescencia e que xa vai pola 13ª edición, de Recinto gris, recén saída do prelo e, antes de entrar n'O corazón de Xúpiter, contounos a arrepiante historia de Amanda Todd e a conversa de adolescentes da que foi testemuña e que está tamén no cerne da súa novela -se cadra a escena máis violenta, humillante e desgarradora que lemos en moito tempo. 
E logo viñeron as preguntas, a empezar polas referidas ao final, pero tamén de moitos outros aspectos da obra e do oficio das letras. Non podemos deixar de resaltar a satisfacción que nos supuxo a cantidade e a calidade de cuestións, comentarios, observacións... por parte das lectoras e lectores. Reflexións atinadas que a propia autora agradeceu, para orgullo noso. Orgullo como o que sentimos pola Literatura Xuvenil Galega: cacho país literario temos! 

Así de atento estaba o auditorio, formado polos compoñentes dos diferentes 
Clubes de Lectura en Galego que funcionan no colexio.

Outras novelas da autora:
       



27 mar 2014

A FRATERNIDADE DO DRAGÓN

O martes, 25 de marzo ficará gravado na memoria de moitos coma o día que coñeceron a Elena Gallego Abad, a autora da triloxía DRAGAL. 
(deixamos o enlace aí na columna da esquerda)



Despois de varios intentos por fin puidemos acadar que esta autora nos visitara no centro e compartira connosco un chisco do seu labor creativo, da súa experiencia coma escritora, dos seus proxectos de futuro e algunhas novidades que nos agardan á volta da esquina.


E a verdade é que o encontro, no que participou a práctica totalidade do alumnado de 1º  e 2º da ESO, non defraudou, a pesar dos pequenos contratempos que tivemos para empezar (o reloxo, a informática...). A partir de aí foi todo rodado: Elena, unha muller co don da palabra e a capacidade de captar a atención do seu auditorio, comezou falándonos das orixes das novelas, do seu fillo Hadrián, das razóns que a levaron a escribir... e de como a historia foi turrando dela ata que o universo dragaliano viu a luz para seguir medrando e medrando.


Medra tamén no colexio a paixón pola primeira saga destas características que se escribe na nosa lingua. Despois da multitude de preguntas, curiosidades e cuestións que as mozas e mozos lle formularon a Elena Gallego chegou o momento de sacar algunhas fotos para a lembranza:

E, como non?, a longa, longuísima sesión de sinatura de exemplares, onde algún chegou cos tres exemplares publicados até o de agora, se ben a escritora confirmounos que estaba a redactar a cuarta entrega. Un feito este que non deixa de sorprendernos: non son estas obras faciliñas de calidade dubidosa, non. Moi pola contra, requiren esforzo e atención por parte do lector que, sen dúbida, se ve recompensado polo pracer que imos atopando a medida que nos adentramos nas catacumbas da igrexa de San Pedro...

 

 



COCACOLEANDO

Despois do parón na acividade desta bitácora por mor das avaliacións, exames e demais, aquí estamos de novo para seguir dando conta da intensa actividade que se vén desenvolvendo no noso Centro arrdor dos libros, a lectura e a escritura. 
E principiamos polo principio, xaora, contando que o venres pasado, 21 de marzo, Santiago Pérez Acuña (2º ESO)
nos representou moi dignamente no concurso de redacción NOVOS TALENTOS organizado pola multinacional Coca-Cola na súa versión en Lingua Galega.


Estamos seguros de que o fixo francamente ben e de que resultou unha experiencia moi satisfactoria tamén para el. Agardamos ter novas dos resultados!

15 mar 2014

"TODOS SOMOS" MARCOS CALVEIRO

Magnífico encontro o que mantivemos na Biblioteca  co escritor Marcos Calveiro arredor da súa novela "Todos somos"

       

A obra en cuestión é unha exposición de todo aquilo que arrodea un feito de grande "impacto mediático" nos nosos días: a desaparición dunha menor. Non é preciso poñer nomes propios, pero de seguro que todos levamos na cabeza varias mozas que nos últimos tempos ocuparon centos de páxinas nos xornais e cuxos casos encheron horas de programación nas grellas televisivas. 
O curioso do asunto é que, malia a relevancia que acadan nos  medios, trátase de casos máis ben illados, pouco frecuentes, no ámbito delictivo no estado español. O morbo, a "alarma social", a loita polas audiencias... é o que lles proporciona a estes casos -sempre terribles, sempre dramáticos- tanta relevancia nos medios. Será, tamén, que neles se cumpre o peor temor: a perda dunha filla, dun fillo.

De todo isto falamos con Marcos. E do sentimento de culpa, e da responsabilidade, e dos "pseudoxornalistas" que aproveitan a dor para medrar, e da experiencia nos cárceres... e de como se fai un escritor, de lecturas e paixón polos libros e as bibliotecas... a esta alturas xa levamos ao lombo uns cantos encontros con autores do máis diverso -xa era o segundo encontro co sr. Calveiro, por exemplo- e podemos dicir que a de onte foi unha das charlas máis amenas, interesantes, fonda e divertida asemade, a que temos asistido. E non é unha opinión persoal, senón compartida polos asistentes, de 2º a 4º da ESO.

Xa sabiamos que Marcos  Calveiro era un grande escritor, chamado a ser aínda máis grande, pero agora tamén sabemos moitas cousas máis da súa persoa e circunstancia vital, do seu xeito de estar no mundo, que nos fan valoralo aínda máis e ler con meirande interese os seus relatos. Beizóns a Marcos e a Editorial Xerais, que nos facilitou novamente a organización e o desenvolvemento deste novo encontro, sempre co anceio de normalizar e visibilizar a magnífica Literatura Infantil e Xuvenil de noso.
 


12 mar 2014

AS FÁBRICAS DA IMAXINACIÓN

Retomamos, tras o Entroido, o proxecto de animación á lectura na que colaboran as mozas e mozos de 3º da ESO coas nenas e nenos de 1º de Primaria. Estamos chegando ao final, pero aínda hai folgos! 
Desta volta colaboramos para poñer a andar ao maxín, estamos a inventar o mundo e imos contalo e debuxalo! De momento xa temos moitos contos e pequenos relatos dos que iremos dando conta... 
Velaí o inicio do traballo común:



 

7 mar 2014

O ENTROIDO TRÁENOS LIBROS

E isto é así porque as mozas e os mozos que aquí aparecen levaron o terceiro premio no concurso de disfraces que organiza o Concello. Como aconteceu en anos anteriores decidiron donar o seu agasallo, un bono para mercar libros, á Biblioteca do cole... GRAZAS!
Nos últimos cinco anos ninguén ten contribuído tanto á adquisición de novos títulos para os nosos andeis e para o gozo de todas. 
Que quede tamén na memoria de todas e todos!


A semana que vén amosarémosvos os exemplares adquiridos. A ver se acertamos!

ECOS DE ROSALÍA


Con algún atraso aquí vos deixamos a páxina que o xornal local El Progreso adicou á nosa xornada rosaliana. 
Bonita, non si?
E como locen os peques de primeiro e segundo da ESO!