31 oct 2012

CABAZAS

Hoxe, 31 do mes de outono, foi un intenso día no noso colexio. Coa celebración do magosto e do concurso de tallado e decoración de cabazas damos por rematado este tempo e iniciamos o mes de Santos e as visitas aos nosos defuntos.

Pola nosa banda, cómpre darvos as grazas: aos que nos achegastes castañas, aos que as asaron, aos que decorastes cabazas, aos que trouxestes froitos, aos que decoraron o vestíbulo do colexio, aos que varreron ao remate, a todos os que colaboraron connosco para darlle hoxe outro aire -e algo de fume- ao colexio.... OBRIGADOS!

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Aquí vos deixamos algunhas imaxes das cabazas. Si, son unha marabilla  de creatividade, de imaxinación e de traballo. PARABÉNS!!!
Para ver todas as fotos, preme na imaxe.

As fotos do magosto? Colgámolas de camiño.



CABAZAS

28 oct 2012

E TI, QUE LIBRO RECOMENDAS?

Samuel García Piñeiro, de 2º da ESO, envíanos a seguinte recomendación.
Trátase de Flanagan 007.

Juan Anguera, alcumado Johnny Flanagan polo seu enxeño á hora de resolver misterios, atópase cun que non lle vai ser doado de resolver. A súa irmá e o mozo desta, Carles Sistax, desaparecen misteriosamente un día. Parece que ámbolos dous traizoaron a unha ONG, roubándolle unha enorme cantidade de diñeiro destinado a un brote de cólera dun país do Terceiro Mundo. Flanagan non o pode crer, pero é evidente que dentro da ONG hai unha ''toupa'': Maica Valo, Xerardo Rei, Roque Alano ou Trevor Bishop, o encargado de levar os cartos aos señores da guerra en Madrid e ao que llos roubaron. Flanagan decide ir en tren ao Palace de Madrid, pero no andén sorpréndese polo bico que lle dá unha moza chamada Bruna, que fuxiu da casa, e que lle vai axudar a partir dese momento. No tren terá algunhas complicacións, pero chegará dunha peza ao seu destino. A partir de aí, empezará unha carreira conta reloxo na procura da súa irmá e dos cartos robados. O seu novo amigo Toribio axúdao cos señores da guerra no hotel e cos representantes da ONG. Descubre os segredos que tería que solucionar. Grazas aos enxeñosos enigmas de Carles e a axuda do comisario Campuzano logrará descubrir a localización da súa irmá, do diñeiro e quen é a toupa. Juan Juanes, un médico moi nervioso, e Nicanor Toledo, un abogado entrometido, faranlle a súa aventura máis difícl do que pode crer.

A min gustoume moito este libro porque introdúcete na lectura de forma instantánea e fai que a vivas. Os misterios e a forma de resolvelos son verdadeiramente impresionantes, e a mestura inesperada dos xéneros misterio-amor dánlle un toque de ''sabor''.

OBRADOIRO DE MARCAPÁXINAS DE 4º DE PRIMARIA

O pasado venres o alumnado de 4º de Primaria visitou a Biblioteca do cole para desenvolver un obradoiro de marcapáxinas coa súa titora. Estes mociños son visitantes asiduos os xoves, que é o seu día de préstamo a domicilio, pero desta volta o que os trouxo por aquí foi a elaboración de marcapáxinas: quen o diría, a plástica ao servizo da animación á lectura! Fai clic na imaxe para velas todas.

OBRADOIRO DE MARCAPÁXINAS 4º PRIMARIA

25 oct 2012

CASTAÑAS E CABAZAS

Por Santos, neve nos altos; polo San Martiño, lobos no camiño e polo San Andrés, neve aos pés!

ESTAMOS NO OUTONO! Comeza a arrefriar e a chover, minguan os días e medran as noites... e xa que logo, é tempo de castañas, de cabazas e de todos os froitos cos que a natureza nos agasalla neste tempo. Xa está aquí o MAGOSTO. Xa chegou o momento de tallar as cabazas!

 Para celebralo, xusto antes do Día de Defuntos e de Todos os Santos, aínda que tamén podería ser máis tarde, invitámosvos a participar no xa tradicional

CONCURSO DE TALLADO DE CABAZAS

Haberá tres categorías (Infantil e 1º ciclo de Primaria, 2º e 3º ciclo de Primaria e Secundaria), aínda que tamén haberá premios para a cabaza máis simpática e para a máis terrorífica! Cada cabaza deberá levar escrito na súa base o nome e ocurso do autor. Data de entrega: 31 de outubro, nin antes nin despois.


Por outra banda, ese mesmo día tamén celebraremos o MAGOSTO. Para iso, cada alumno deberá traer un puñado de castañas anozcadas (cun corte para que non estouren.

Faremos tamén a xa tradicional EXPOSICIÓN DE FROITOS DE OUTONO. Coma sempre, serán benvidos exemplares de todo canto a nai Natureza nos quere dar: marmelos, mazás, uvas, millo...
As castañas e os froitos levaranse ao cole o luns 29. Lembrade, as cabazas talladas agardan ao mércores 31.  VEÑA A PARTICIPAR!!!!

24 oct 2012

LIBROS NOVOS NO CATÁLOGO

A medida que avanza o curso van chegando novidades á nosa Biblioteca. Hoxe queremos destacar dúas obras que vimos de catalogar e que poden ser do interese de moitos mozos e mozas de Secundaria. A primeira delas é Palabras de Auga, de Marcos Calveiro. Foi a súa obra O carteiro de Bagdad a que lle deu nome ao Clube de Lectura de 2º da ESO.

En palabras do xenial autor,"esta novela trata dunha tribo nun lugar indeterminado de África que está no medio da sabana, no medio das secas, esfameada, fuxindo das guerrillas, da violencia e da fame. Palabras de auga alude a iso, a que non teñen auga. Alude a unha situación desesperada na que teñen que buscar o alimento mentres agardan a que o chamán reciba a inspiración dos deuses e decida sobre o seu futuro. A historia narra, en capítulos alternos e a través de flashbacks, como chegaron ata ese momento, todo visto polos ollos dun neno de once anos que se chama Amadou."
       Semella ben apetecible e recomendable.


Por outra banda chégannos estes Relatos de terror, de H.P. Lovecraft, un dos fundadores e mestres do xénero.
Relatos de terror reúne oito contos de Lovecraft (“A tumba”, “Do máis alá”, “Herbert West, reanimador”, “O can”, “A ceremonia”, “El”, “A besta da cova” e “O alquimista”) que amosan como este xenial autor foi o inventor dun novo xénero, o conto materialista de terror, no que utiliza os símbolos que se manteñen no inconsciente das persoas para espertar eses terrores ancestrais que xacen dentro do noso cerebro. Trátase desa literatura de terror «cósmico» que se dirixe á parte máis fonda do cerebro, dominada polos instintos e emocións que están na orixe do xénero humano.

Desde xa, ao voso dispor na Biblioteca.


23 oct 2012

À LA BIBLIOTHÈQUE

Bienvenus à la bibliothèque!





Os alumnos de Francés de 4º da ESO traballaron hoxe na biblioteca nun proxecto colectivo que consistiu en describir aos seus compañeiros en lingua francesa.
TODO UN RETO!... pero os meus rapaciños son quen de calquera cousa!

A profe.

19 oct 2012

OFICIO DE LIBROS

BIBLIOTECARIOS DA COLLEITA DE 2012

Dánel (2º ESO) /  Laura (3º ESO)
 Nesta nova andaina os compañeiros que aquí locen -e outros que se incorporarán- vannos axudar a levar adiante a nave da Biblioteca. De momento, eles atenderán o servizo de préstamo os mércores na hora do recreo. GRAZAS!!

18 oct 2012

INTENCIÓNS

"O mundo derrúbase e nós abrimos un blog"
H. Bogart, Casablanca (ou algo así era)


Encheremos os posts
coa luz dos libros e das aulas.
Pendurando en dous andeis,
a folla aberta
dos nosos lectores corazóns!

Inventaremos frustradas lecturas
para acelerar as abolidas xuntanzas
dos nosos clubes de lectura defraudados.

Falaremos, esbardallaremos, comentaremos,
invitaremos, diremos, contaremos.

Na illa anónima
da individual lectura
esculcaremos o que de comunal teña........................
   .................nacemos tarde, viviremos axiña e, máis axiña aínda, encadearemos adeuses de escuma por todas as páxinas perdidas. Xuntaremos cadernos en branco da novela errante do vento, pescaremos na redes dos atlas ronseis de Simbad, Docampo, Reigosa ou Fernández Paz.

E, para trincar a escota dunha ilusión, un par de veces por semana estaremos en conexión!

Mentres arde o mundo, nós veremos algunha película ou comentaremos un libro ou dous (para mitigar a dor). Porque -Humphrey outravolta en Key Largo- cando a cabeza di unha cousa e a vida che di outra cousa, a cabeza sempre perde!

          Así pois, a contravento e AVANTE TODA!!!!!!


Coa venia, este primeiro post ímosllo adicar a Inma, A. Correa, as Saras, Alba, Karen, A. Alonso... e os outros, que o ano pasado estiveron na Biblio e nos clubes. Fóronse, xaora, e ficaron para sempre. Na súa biblioteca.