20 dic 2013

BO NADAL!

Os que facemos que, malia todos os atrancos, a Biblioteca vaia funcionando todas as semanas.... desexámosvos 
 BO NADAL!

Seguimos léndonos en xaneiro. 

18 dic 2013

XURAMENTO LECTOR

POLAS BARBAS DE MERLÍN,
POLOS RELATOS SEN FIN,
POR FDEZ. PAZ, DON AGUSTÍN,
E POLO MESMÍSIMO TINTÍN!



Había un par de meses que se nos ocurrira unha argallada: e se inauguramos o curso lector nos clubes de lectura?... e con atraso, pero con grande arte, hoxe fixémolo! Aí están os mozos lectores prestando o Xuramento Lector, que é unha trasnada simpática que inventamos de camiño: o compromiso de ler!!














Logo de escoitar un minuetto interpretado por Amaya García ao violoncelo -e moito llo estimamos-, nomeamos BIBLIOTECARIO MAIOR DO REINO 
a Dánel Negro Rilo, de 3º da ESO:




Á súa vez, este tomoulle xuramento aos 
AXUDANTES DE BIBLIOTECA:










Velaquí están tamén coas súas camisetas distintivas:







Deseguido nomeouse aos PREFECTOS dos distintos clubes, é dicir, aos seus representantes e responsables. Comezamos por Martín Álvarez, 
PREFECTO dos PIRATAS POLO MIÑO. 
Velaí o está coa súa indumentaria:


Veu logo o nomeamento de Cris Salvador como 
PREFECTA dos LEÓNS DE BAGDAD. 
Aquí está prestando xuramento:

A cousa foi rematando coa "toma de posesión" do PREFECTO de ÍTACA, 
don Iago Valín:

O acto rematou como comezara, con música: neste caso grazas á arte de 
Dánel e de Mª Karla:

Non temos imaxes do "paseo de Hamelin" dende a porta até a Biblioteca seguindo o tambor de Daniel Xesús Rguez. Piñeiro, nin da interpretación de Amaya ou dos bombóns e doces de Nadal que viñeron ao final, pero iso... xa é outra historia. Felices Lecturas!!




16 dic 2013

A DESOLACIÓN


Pois ben por mor dos exames, ben por mor da crise ou da preguiza, o certo é que non houbo participación no concurso "EN LLAMAS". Se cadra, o traballo destes días, que tamén tivo parado este blog... Se cadra, tampouco hai tantos fans desa saga como nós pensabamos. Non importa, continuaremos promocionando as novelas e as películas interesantes. Se vos gustou a primeira parte de "El hobbit" non perdades a segunda: é absolutamente trepidante e marabillosa! 
A que agardades???



3 dic 2013

EN LLAMAS para ver O HOBBIT














Convocamos concurso!!!!
Queres gañar unha entrada  de balde para ir ver a segunda parte de "O hobbit"??? 

Sabemos que hai moitas mozas e mozos que leron "Los juegos del hambre" e que teñen intención de ir ver "En llamas", de modo que, se nos contades que vos pareceu, polo prezo dun filme poderedes ver dous!!

Sortearemos dúas entradas entre os que nos envíen ata o día 11 de decembro unha foto que probe que foron ver "En llamas" (a segunda parte de "Los juegos del hambre") ademais dun breve comentario sobre esta peli (non máis de 4 ou 5 liñas, que ninguén se vaia derrear!).

Como ten que ser a foto?
Pois na porta do cine, por exemplo, coa entrada na man. 

SORTE A TODOS!

LAS PRINCESAS SON UNAS BOLUDAS

Pois xa quixeramos nós ter mozas e mozos na ESO, pero sobre todo MOZAS, con esta capacidade de análise e este espírito crítico... Pois claro que si: o mundo, grazas a Deus, non é como Disney di que é, nin falta que fai!
Son só dous minutos... botádelle un ollo, no seás boluda!!!

27 nov 2013

Cris Salvador sobre "Todos somos"

Todos somos paréceme unha protesta, unha maneira que ten Marcos Calveiro de expoñer un feito habitual e lamentable: canto acontece unha desaparición dunha persoa parece que o único que importa sempre é darlle
publicidade, conseguir a entrevista, desvelar o misterio da autoría...pero ninguén se preocupa da vítima. Calquera que siga a actualidade ben pode observar isto. Así que este é un libro que pretende amosarnos o que facemos e como nos comportamos. O resultado é moi interesante, aínda que para o meu gusto o final é demasiado aberto.

Karla e "Todos somos"

Recomendo este magnífico relato para as persoas que non buscan un libro que necesariamente teña que acabar ben. Esta é unha obra que nos abre os ollos, que nos mete na realidade e nos pon cara a cara coa sociedade hipócrita que somos.
Se só pensamos en nós mesmos Todos somos  ábrenos os ollos, de modo que vexamos máis alá do que somos e sentimos... Marcos Calveiro fai que nos miremos nun espello e nos xulguemos a nós mesmos. Claro que, coido que despois de ler este libro non pensaredes, non falaredes e, se cadra, non actuaredes igual, así que... LÉDEO!!

22 nov 2013

Botádelle un ollo


Estupendo vídeo de Alberto Fariña,  alumno do IES de Silleda.
 Vía Trafegandoronseis.


Rocío Valín e "Todos somos"

"Esta obra gustoume particularmente. É un relato moi realista e verosímil sobre un tema de máxima actualidade: a desaparición dunha moza adolescente. Casualidades da vida, o libro saíu á venda case ao mesmo tempo que se iniciaba o caso Asunta!
A miña personaxe favorita é Lina Souto -a encargada de investigar a desaparición de Natalia- coa súa peculiar personalidade. Porén, esta non é unha novela de intriga ou de misterio, xa que o interese non vén dado tanto polo feito de averiguar o paradoiro da moza como pola análise da contorna que quedou na Praza da Bichoca."

Dánel fálanos de "Todos Somos"

Empezan, pois, a chegar as valoracións críticas das mozas e mozos de 3º da ESO a propósito de Todos somos. O primeiro en intervir é Dánel, o responsable do Servizo de Biblioteca.

"A min gustoume moito o libro, sobre todo algúns personaxes que me fascinaron, como Lina Souto. Coido que se trata dun libro que nos pode volver moi egoísta e que por momentos consegue sacarnos o noso peor lado e que só nos interesemos polo que pasa arredor dun tráxico caso: a desaparición de Natalia.
Se cadra non me parece tan elaborado coma Palabras de Auga, que lemos o ano pasado, ou tan ben escrito, pero penso que se deixamos iso a un lado esta novela apréndenos a ser críticos e a non ir pola vida coma Belén Soliño. Ou polo menos a intentalo."

21 nov 2013

TODOS SOMOS

00106539558475    1  600x600

Andaron os Leóns de Bagdad lendo de novo ao grande Marcos Calveiro -aínda ben frescas desde o curso anterior as súas Palabras de Auga- e a súa última proposta: Todos somosTrátase  neste caso dunha novela breve -apenas 140 páxinas- de doada lectura e dun tema de máxima actualidade: que pasa cando desaparece unha moza, un neno, unha adolescente?
 Non adiantamos nada máis do argumento: van ser os propios leóns os que vaian pendurando nesta bitácora as súas opinións sobre esta obra. Só engadiremos algo que talvez ninguén diga: o libro está ben, pero a imaxe da capa parécenos marabillosa. E vós que pensades?

13 nov 2013

IAGO ESCRIBE

Vale: escribir, escribimos todos, pero non todos o facemos coa ambición literaria con que o fai o compañeiro de 4º da ESO, Iago Valín. Aquí vos deixamos o comezo dun seu relato do que, seguramente, habedes ter novas moi pronto:


"La lluvia azotaba Walknight Street. Punzantes y esbeltas agujas encharcaban el suelo y humedecían los elegantes trajes y sombreros de las mujeres que caminaban apresuradamente en busca de resguardo. Casi no había hombres o, mejor dicho, solo había uno: Faust Firefly, un caballero de mirada serena y caída, al que poco le importaba el diluvio que se precipitaba con fuerza..."



12 nov 2013

AS "OMAR" VENCEN AS "ODISH" NA PRIMEIRA BATALLA

Como avanzamos na fin de semana, onte comezou a gran GUERRA DAS BRUXAS entre as OMAR e as ODISH... Si, os Piratas do Miño andan lendo A Guerra das Bruxas. 


Hoxe dividímonos nos dous clans e libramos o primeiro asalto, a preguntaza limpa.Velaquí os OMAR, deliberando:


E as ODISH, preparándose para a batalla: 



 Despois de tres intentos as OMAR acadaron as galletas da sabedoría, cando as ODISH non foron quen de respostar a unha das súas cuestións. E aquí está Sara Suárez, voceira das OMAR, co trofeo do seu clan:

 Pero isto foi só unha batalla... que ninguén se confíe... as ODISH, sedentas de sangue como son  elas, xa xuraron vingarse...

8 nov 2013

GUERRA!!!!

Auuuuuu! Escoitade, escoitade... os lobos non paran de ouvear... hai outros seres que andan osmando sangue... o vindeiro luns na biblioteca do colexio 
estalará a guerra... 
auuuuu!!!
(Coidado, Piratas do Miño, a guerra xa está aquí... e o único que podedes facer para vencer é... LER!)



6 nov 2013

EU QUERO GALEGO



Encántame este vídeo de promoción da lingua galega elaborado por Andrea Maseda, estudante universitaria da UDC.
Alguén se anima a elaborarmos un vídeo desta índole no noso cole????

30 oct 2013

POR SANTOS E DIFUNTOS, CABAZAS E MAGOSTO

Un ano máis, e xa van.... moitos, no cole celebramos a  festa das cabazas e do magosto, sen dúbida unha das preferidas do noso alumnado no calendario de celebracións que teñen lugar no colexio.

Imos aló coa crónica fotográfica da xornada, parécevos? Comcemos pola exposición de froitos de outono,coma sempre baixo a atenta mirada do espantallo...


A ver, axustade a resolución da pantalla, a ver se vos chega o arrecendo a fume e castañas...

Cabazas, coma sempre, un lote delas!


Novidades? Os móbiles das palabras: unha pequena mostra da diversidade lingüística da nosa contorna cultural... alguén lembrará como se di cogomelo en catalán? Pois tédelo aí diante!

E os premios do concurso de tallado de cabazas... en Infantil, Jenni foi a máis destacada:

Dos peques de Primaria, Álex foi o primeiriño:

De Primaria, pero dos maiores, Xoel levou o trofeo. 
Bravo!

En Secundaria, foi Ánxela a triunfadora:


E como rematou todo isto? Pois comendo castañas e con moi bo humor, á vista está:

O ano que vén, se Deus quixer, volveremos á carga con castañas, cabazas, cogomelos e o que o señor outono nos queira deixar!

E non esquezades pasar polos cemiterios e rezar polos vosos difuntos, que o manda a tradición e máis a nosa lembranza, abofé!

28 oct 2013

OS XOGOS DA FAME: CATCHING FIRE.

Como moitos de vós sabedes e estades agardando, o 22 de novembro estréase a peli baseada no segundo libro de 
"Los juegos del hambre".
"En llamas" promete moitas emocións e ríos de adolescentes enchendo as salas de medio mundo para ver en imaxes o que antes leron con fruición. Non cremos que o cine sexa inimigo da lectura, non. Nin nos disgusta esta distopía, capaz de engancharnos e ternos sen durmir até altas horas... quen o diría!!

PREPARANDO CASTAÑAS E CABAZAS

Hoxe andamos preparando o vestíbulo do colexio para poder mañá enchelo de castañas asadas, cabazas e moitas cousiñas máis. Permanezan atentos ás súas pantallas!!!

Embedded image permalink

24 oct 2013

ALÓ POR SANTOS E DIFUNTOS


Por Santos, neve nos altos; polo San Martiño, lobos no camiño e polo San Andrés, neve aos pés!


ESTAMOS NO OUTONO! Comeza a arrefriar e a chover, minguan os días e medran as noites... e xa que logo, é tempo de castañas, de cabazas e de todos os froitos cos que a natureza nos agasalla neste tempo. Xa está aquí o MAGOSTO. Xa chegou o momento de tallar as cabazas!

 Para celebralo, xusto antes do Día de Defuntos e de Todos os Santos, aínda que tamén podería ser máis tarde, invitámosvos coma sempre a participar no

CONCURSO DE TALLADO DE CABAZAS 

Xa sabedes, traede as cabazas talladas da casa o martes, 29 de outubro.















Por outra banda, ese mesmo día tamén celebraremos o MAGOSTO

Para iso, cada alumno deberá traer un puñado de castañas anozcadas (cun corte para que non estouren).


Faremos tamén a xa tradicional 
EXPOSICIÓN DE FROITOS DE OUTONO
Coma sempre, serán benvidos exemplares de todo canto a nai Natureza nos quere dar: marmelos, mazás, uvas, millo, noces, figos...

As castañas e os froitos levaranse ao cole o luns 28. Lembrade, as cabazas talladas agardan ao martes 29.  IMOS PARTICIPAR!!!! 

ASTERIX E OS PICTOS




Como xa estaban informados os que nos seguen por twitter hoxe chega ás librarías
Asterix e os pictos, 
nova entrega desta popularísima serie, todo un emblema da banda deseñada infantil e xuvenil, que tanto nos gusta a algúns adultos. 



A maiores de poder gozar dunha nova entrega (novo guionista e novo debuxante) temos outro motivo para alegrarnos: a edición en galego sae, da man de Xerais, ao mesmo tempo que noutros idiomas ao longo e ancho do mundo mundial. Máis unha vez, da man da literatura, a nosa lingua na división de honra. 

21 oct 2013

ABRIMOS CONTA EN TWITTER


Amigas e amigos, desde o pasado venres, 18 de outubro de 2013, festa maior no Mondoñedo de D. Álvaro Cunqueiro,  a Biblioteca ten conta propia en twitter.
Así que xa sabedes, buscade @bibliodima e manterédesvos informados de todo o que acontece por estes lares.

Por certo, non podemos deixar de comentar que nos enche de orgullo que o primeiro chío que enviamos ao ciberespazo tivo unha resposta de excepción: a do mestre Agustín Fernández Paz. Ademais de ser un dos nosos autores de cabeceira, ten estes detalles que nos gañan o corazón. 

.
 Veña! Síguenos que queremos contarche moitas cousas!




18 oct 2013

ESTAMOS DE VOLTA!


Un ano despois do primeiro post, aló polas San Lucas de Mondoñedo, damos hoxe comezo á segunda xeira deste blog de dinamización da experiencia da lectura na escola e das actividades que teñen que ver coa Biblioteca do colexio.

Como vedes na imaxe, esta semana xa botou a andar o Servizo de Préstamo, que nas primeiras xornadas andou moi concorrido.
Agárdannos algunhas novidades que iremos debullando nos vindeiros días, ao tempo que actualiamos todas as seccións deste fogar virtual.


A todas e a todos... BON VENTO!!!
Comeza a travesía!
Navegaremos mil páxinas de papel e tinta.


22 jun 2013

TRES, DOUS, UN... REMATOU!!!!

Pois chegamos ao final... aló van 91 (si, 91!) entradas, máis de 8500 visitas... algún traballo feito, moito por facer e algunha que outra idea de futuro,... se o houber!

A todas e a todos, desexámosvos un verán moi, moi... LECTOR!
Non imos dicir feliz, non, quen pode ser feliz nestes tempos escuros que nos tocou vivir?? Ben, que sexa o mellor que para cadaquén poida ser!
Para celebrar a fin do curso dexámosvos esta peza marabillosa da muller do momento na música galega: Sés.
Con ela enviámosvos enerxía, compromiso, paixón, un volcán en erupción!


Con aire fresco de mar
curo feridas e loitos
[...]
Para seguir camiñando
fago noite na esperanza
apóiome nas lembranzas
[...]
E quero bailar ao ritmo
do que vive ilusionado
e cabo do do silenciado
cantar quero con paixón
[...]
aspiro a soñar esperta
para facer máis levadeiro
este treito traizoeiro
que garda unha fin incerta
e cantar a gorxa aberta
e deseñar utopías
para encher de luz os días
[...]
coro faise o meu cantar
ao saberme secundada
aíndo sendo abandeirada
dos que as levan de perder...


A PENÚLTIMA: OS NOVOS LECTORES NA BIBLIOTECA

Como o prometido é débeda, aínda que "en tempo de desconto", aquí están as imaxes dos peques de 5 anos chegando á Biblioteca coa súa titora, Olga. Aí os tedes ensinando orgullosamente os seus carnés para poderen entrar.



 E aquí os temos escoitando "O segredo do rei Curro"  que Adrián del Río, alumno de 2º da ESO, lles quixo contar para lles dar a benvida a este espazo do noso cole e agasallalos como merecen...



E ao remate quixemos saber... a quen lle
gustou???
Parece que a moitos


Agardamos velos por aquí con moita frecuencia
no futuro.

18 jun 2013

LECTORES NOVIÑOS DO TRINQUE

Hoxe, 18 de xuño, ás 20:30 horas tivo lugar o acto de graduación das nenas e nenos de Educación Infantil (5 anos). As/os peques soben para o "cole dos maiores" como elas adoitan dicir.
E xa cara a fin do acto, velaí chega o director do centro, don Carlos, e di que vén de recibir un agasallo no seu despacho....

... e na caixa, co agasallo, vén unha carta... para as nenas e nenos de 5, que xa saben ler!


... e ademais, hai un agasallo para cada un... os profes axudan a repartilo e...


SON CARNÉS DA BIBLIOTECA DO COLE!
As nenas e nenos de cinco anos, como xa saben ler, poden desde agora visitar a nosa Biblioteca!


Hai un carné para cadaquén... mi madriña,
isto é xenial!

Xa di a profe Olga que mañá iremos de excursión
ata a Biblioteca...

12 jun 2013

VOLVE O HOBBIT: A desolación de Smaug.

Para Ichigo Kurosaki, que moito gustará desta entrada!



Acaba de facerse público o tráiler oficial da segunda parte de El Hobbit, que leva coma subtítulo La desolación de Smaug.
A estrea terá lugar o 13 de decembro. Xa nos parece un agasallo de Nadal magnífico! Aínda temos na retina as impactantes imaxes de Un viaje inesperado que os dos clubes de lectura fomos ver o pasado decembro... para os que gustamos da épica, de Tolkien e das pelis de Peter Jackson as imaxes resultan hipnóticas...
e semella que introduciron algún cambio na historia: que fai aí Légolas? Será fiel ao "espírito" do gran Tolkien?? Esta peli pon fin á historia ou haberá terceira parte??