17 may 2017

VÍDEO HOMENAXE A CASARES

TELEXORNAL CARLOS CASARES

Desde o CPI Plurilingüe dos Dices  (Rois, A Coruña) chéganos, como en anos anteriores, o telexornal adicado á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Neste ano 2017 as nenas e os nenos implicados nesta experiencia de educación mediática traballaron sobre CARLOS CASARES, baixo a dirección do profesor Luís Aldegunde, e preséntannos un documento imprescindible para chegar a coñecer o escritor e a súa obra. Parabéns por este excelente proxecto e pola súa estabilidade no tempo, un exemplo de que non hai que andar mudando de idea cada día para ofrecer innovación no ámbito educativo.




CASARES: biografía


Carlos Casares Mouriño naceu no ano 1941 en Ourense, cidade que deixaría unha fonda pegada na súa obra. Estudiou Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. Exerceu a docencia desde 1969, en Viana do Bolo, Bilbao, Cangas do Morrazo e Vigo. Nesta cidade faleceu o 9 de marzo de 2002.

Resultado de imaxes para materiais carlos casares



    Comezou a súa carreira literaria moi novo, pois en 1965 publicaba os seus primeiros relatos na revista Grial. É xa tradición entre a crítica falar de dúas etapas na produción narrativa de Carlos Casares. Unha primeira, caracterizada no plano temático pola ambientación das obras no período franquista e a utilización de elementos autobiográficos, e no plano formal polo emprego de técnicas narrativas innovadoras (monólogo interior, ruptura temporal...). Debido a isto último algúns estudosos encadran a súa obra dentro da denominada Nova Narrativa, aínda que Casares non parecía gustar desta adscrición. As obras máis representativas deste período son Vento ferido (1967), que é un conxunto de doce relatos, e a novela Cambio en tres (1969).
    En 1975 publicou Xoguetes pra un tempo prohibido, novela pola que recibiu o premio Galaxia e mais o Premio da Crítica española. Esta obra, que reflicte a infancia e a adolescencia dos protagonistas na España franquista da posguerra, cerra a primeira etapa da súa produción e marca a transición á seguinte. Na segunda etapa, Casares abandona o experimentalismo formal e recupera formas tradicionais de contar, ao tempo que elimina as pegadas autobiográficas. Nas primeiras obras desta etapa recrea, tinxidos de humor e ironía, períodos históricos máis recuados no tempo: Os escuros soños de Clío (1979, Premio da Crítica galega) e a deliciosa noveliña Ilustrísima (1980). Porén, nas súas últimas novelas, Casares voltou sobre a nosa historia recente, sobre o ambiente das vilas galegas na guerra e na posguerra: Os mortos daquel verán (1987) e Deus sentado nun sillón azul (1996). Como narrador ocupa un lugar indiscutíbel na historia da literatura galega.
    Ademais da súa condición de novelista, Casares cultivou a literatura para nenos con obras como A galiña azul (1968) ou a peciña dramática As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973, Premio "O Facho"). Tamén hai que salientar o seu papel como biógrafo de Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enriquez, Ramón Piñeiro, Vicente Risco, Ánxel Fole... e como derradeira biografía doutro literato, a do Padre Sarmiento. Do seu labor como ensaísta podemos citar Hemingway en Galicia (1999) ou Un país de palabras (1998). A Xunta de Galicia recoñeceu o seu enorme labor concedéndolle, en 1989, o premio á creación cultural.
    Colaborador habitual, durante catorce anos, da prensa coa columna "A marxe", en La Voz de Galicia, Casares recibiu tamén os premios de xornalismo "Fernández-Latorre", en 1983, e o "Julio Camba", en 1995. Algúns destes artigos foron recompilados no volume Na marxe de cada día (1994).
    Ingresou na Real Academia Galega en 1978, foi deputado polo PsdeG-PSOE en 1981, dirixiu a Editorial Galaxia, a revista Grial, e presidiu o Consello da Cultura Galega desde 1996.

16 mar 2017

Un concurso moi interesante

A Editorial Galaxia lanza o primeiro Reto Lector destinado a fomentar a lectura en galego entre os adolescentes e as adolescentes. Cun formato novidoso no que os rapaces se converten en vloggers (video blogger) literarios, intentamos mediante esta proposta introducir aos máis novos no mundo dos libros.
Poderán presentarse ao premio as rapazas e os rapaces de entre 12 e 16 anos. Para participar, só terán que enviar ao mail galaxia@editorialgalaxia.gal dous vídeos nos que se dea conta da lectura de dous libros da Editorial Galaxia de calquera das súas coleccións de narrativa para todas as idades: Árbore, Costa Oeste e Literaria. Os vídeos non poderán exceder os dous minutos de duración.

Durante eses dous minutos, os rapaces deben comentar o contido da obra, os aspectos que máis lles gustaron e as razóns polas que recomendarían a súa lectura. Un xurado composto por quince nenas e nenos de entre 12 e 16 anos será o que valore todos as propostas fixándose principalmente no poder de persuasión dos participantes, na súa claridade expositiva e na creatividade da gravación.
A rapaza ou rapaz gañador recibirá un Ipad de última xeración. Ademais, haberá cinco lotes de libros coas últimas novidades da Editorial para os cinco seguintes clasificados. O prazo de entrega dos vídeos estará aberto ata o día 31 de maio, e o fallo do xurado farase público o 12 de xuño.

A través desta iniciativa, a Editorial Galaxia pretende fomentar a lectura en galego entre un sector clave da nosa sociedade: os adolescentes. Para facelo, proponlles aos participantes que tiren rendemento das ferramentas dixitais e do seu potencial como medios de transmisión e difusión lingüística e cultural.

Consulta as bases aquí.

9 mar 2017

AGASALLO DE ENTROIDO

Un ano máis (e xa van...) despois do Entroido a nosa Biblioteca recibe unha presada de libros


 grazas a algúns alumnos/as que participan no concurso de disfraces do Concello e doan o seu premio a toda a comunidade escolar a través da Biblioteca.


Desta volta foron menos os participantes que en anos anteriores, polo que aínda lles estamos máis agradecidos a Hugo, Erika, Cintia, Aroa e Íker. De maneira moi especial dámoslle as grazas a Eva e a Elena, que animaron aos cativos e impulsaron a doazón... GRAZAS!




22 feb 2017

LEDICIA COSTAS EN SECUNDARIA

E se animada estivo o encontro de Ledicia Costas cos de Primaria, que dicir dos de Secundaria?
Que Ledicia chegou, falou e triunfou co seu 
O corazón de Xúpiter
Resultado de imaxes para o corazón de Xúpiter

Poderiamos recoller as palabras que escribiamos hai dous anos, na súa anterior visita: "máis unha vez outr@ escritor/a con capacidade de sorprender ao noso alumnado, de interesarnos e de deixarnos prendidos das súas verbas... e das historias que nos contan, das que lles lemos e mesmo das que nos parece que gardan para máis adiante. Porque, se algo fica claro logo de compartir conversas e reflexións ao longo de hora e media con Ledicia Costas, é que esta moza soubo, coma moi poucos, falarlles ás mozas e mozos dun mundo no que se senten recoñecidos, do seu mundo. Eis unha das razóns que levan amocidade á lectura: lerse, recoñecerse".

E todo iso segue a ser verdade hoxe en día. Engadámoslle unha boa dose de empatía, calidez e savoir faire por parte da autora e xa teremos todos os ingredientes para entender as razóns do seu rotundo éxito. A mellor proba? Os numerosos estudantes que andan estes días con outras obras súas baixo do brazo. Sen obrigas, por vontade propia. Seica Ledicia tiña algo que lles contar e sabía ben como facelo. 
Beizón e gratitude. 
Aí seguimos, na angueira de crear o lectorado galego,e en galego, que tanto queremos e precisamos. Para iso, apostamos, a rapazada aposta, por Ledicia Costas.
 Entre outras.




 Entrevista final con alumnos de terceiro. 
Comprobado: canto máis grande, máis humilde e accesible. 
Non hai fallo.



20 feb 2017

LEDICIA COSTAS, COCIÑEIRA DAS LETRAS


Emoción e entusiasmo entre as cativas e cativos de 5º de Primaria o pasado mércores, 15 de febreiro, no encontro con Ledicia Costas.

Despois de botar quince días lendo Escarlatina, a cociñeira defunta, que lle valera á escritora viguesa o Premio Merlín e mais o Premio Nacional de Literatura, o alumnado de 5º tivo a oportunidade de coñecer á súa autora e de preguntarlle e repreguntarlle todas cantas cuestións se lles ocorreu, e damos fe de que non foron poucas... Con enorme paciencia, respecto polos pequenos e toda a humildade do mundo, Ledicia falalloulles aos seus lectores de todo canto quixeron saber e preguntar. E tan ben foi a cousa que moitos andan xa a ler Esmeraldina, a pequena defunta, continuación de Escarlatina.
Non é por casualidade que Costas sexa hoxe a autora que máis vende en literatura galega infantil e xuvenil: as súas obras son magníficas e non adoitan deixar a ninguén indiferente: sirva como exemplo a paixón lectora (en galego!!) que levantou tras de si o paso de Ledicia polo noso centro.




E como non hai festa, mesmo literaria, sen bos manxares, dúas nais elaboraron dúas das receitas que se inclúen no libro - brownie de chocolate e muffins de arandos vermellos- que toda a clase compartiu ao remate do encontro (tamén podemos dar fe da destreza culinaria das nais do noso cole...)
A cousa rematou con Ledicia repartindo sinaturas, bicos e recibindo afervoadas declaracións de fidelidade lectora!


Foto de familia final: o profe Costa, Ledicia, todas as nenas/os e a Escarlatina.

 Para rematar, unha recomendación doutra obra da mesma autora:
 Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta
Que vos preste.

7 feb 2017

Que Ledicia!



Pois grande é a ledicia que sentimos ante a inminente visita de Ledicia Costas ao noso centro o vindeiro mércores día 15 de febreiro. A escritora viguesa, recente Premio Nacional, premio Lazarillo -os dous meirandes galardóns no ámbito hispánico-  e premio Xerais, entre outros- departirá co alumnado de 5º de Primaria, que estes días anda a voltas con Escarlatina, a cociñeira defunta, e cos mozos de 2º da ESO, que andan a ler O corazón de Xúpiter, ademais daqueles de 3º da ESO que se queiran sumar.

Grande ilusión nas aulas ante esta moza con devotos lectores nas nosas aulas!

2 feb 2017

MANUAL DE AUTOAXUDA PARA NEOFALANTES

A brillantísima comunicadora Belén Regueira reflexiona sobre a súa condición de neofalante (aquelas persoas que mudan de lingua para pasar a falar en galego habitualmente). Paga a pena botarlle unha ollada.

VISTO NA PRENSA


Andamos nos papeis. Hai uns días o xornal local, El Progreso, recollía información sobre a participación do alumnado de 3º da ESO no concurso que eles mesmos convocan sobre a realización da prensa na escola. Agora toca traballar e... a ver se temos sorte!

12 ene 2017

PREMIOS!


Empeza ben o ano 2017! 
Dous alumnos de 2º da ESO do noso cole, Santiago García e Lucía Carreira, veñen de gañar os dous primeiros premios no XXII CONCURSO DE RELATOS CURTOS "TRAPERO PARDO" que organiza o Concello de Lugo para centros de toda a provincia. Maior honra tendo en conta a alta participación nesta edición, segundo destacou o xurado.

Ámbolos dous son activos membros do Clube de Lectura do colexio, o que nos alegra dobremente!
Parabéns aos premiados e todos a seguir escribindo!

 

FELIZ ANO E FELICES LECTURAS

Resultado de imaxes para LIBROS GALEGOS

MOI BOAS A TODAS E A TODOS! ESTAMOS DE VOLTA. 
Arrinca o 2017 e enviámosvos os nosos mellores desexos, moi especialmente desexámosvos os mellores libros para este ano que estamos a encetar.
Imos aló!!