30 oct 2013

POR SANTOS E DIFUNTOS, CABAZAS E MAGOSTO

Un ano máis, e xa van.... moitos, no cole celebramos a  festa das cabazas e do magosto, sen dúbida unha das preferidas do noso alumnado no calendario de celebracións que teñen lugar no colexio.

Imos aló coa crónica fotográfica da xornada, parécevos? Comcemos pola exposición de froitos de outono,coma sempre baixo a atenta mirada do espantallo...


A ver, axustade a resolución da pantalla, a ver se vos chega o arrecendo a fume e castañas...

Cabazas, coma sempre, un lote delas!


Novidades? Os móbiles das palabras: unha pequena mostra da diversidade lingüística da nosa contorna cultural... alguén lembrará como se di cogomelo en catalán? Pois tédelo aí diante!

E os premios do concurso de tallado de cabazas... en Infantil, Jenni foi a máis destacada:

Dos peques de Primaria, Álex foi o primeiriño:

De Primaria, pero dos maiores, Xoel levou o trofeo. 
Bravo!

En Secundaria, foi Ánxela a triunfadora:


E como rematou todo isto? Pois comendo castañas e con moi bo humor, á vista está:

O ano que vén, se Deus quixer, volveremos á carga con castañas, cabazas, cogomelos e o que o señor outono nos queira deixar!

E non esquezades pasar polos cemiterios e rezar polos vosos difuntos, que o manda a tradición e máis a nosa lembranza, abofé!

28 oct 2013

OS XOGOS DA FAME: CATCHING FIRE.

Como moitos de vós sabedes e estades agardando, o 22 de novembro estréase a peli baseada no segundo libro de 
"Los juegos del hambre".
"En llamas" promete moitas emocións e ríos de adolescentes enchendo as salas de medio mundo para ver en imaxes o que antes leron con fruición. Non cremos que o cine sexa inimigo da lectura, non. Nin nos disgusta esta distopía, capaz de engancharnos e ternos sen durmir até altas horas... quen o diría!!

PREPARANDO CASTAÑAS E CABAZAS

Hoxe andamos preparando o vestíbulo do colexio para poder mañá enchelo de castañas asadas, cabazas e moitas cousiñas máis. Permanezan atentos ás súas pantallas!!!

Embedded image permalink

24 oct 2013

ALÓ POR SANTOS E DIFUNTOS


Por Santos, neve nos altos; polo San Martiño, lobos no camiño e polo San Andrés, neve aos pés!


ESTAMOS NO OUTONO! Comeza a arrefriar e a chover, minguan os días e medran as noites... e xa que logo, é tempo de castañas, de cabazas e de todos os froitos cos que a natureza nos agasalla neste tempo. Xa está aquí o MAGOSTO. Xa chegou o momento de tallar as cabazas!

 Para celebralo, xusto antes do Día de Defuntos e de Todos os Santos, aínda que tamén podería ser máis tarde, invitámosvos coma sempre a participar no

CONCURSO DE TALLADO DE CABAZAS 

Xa sabedes, traede as cabazas talladas da casa o martes, 29 de outubro.















Por outra banda, ese mesmo día tamén celebraremos o MAGOSTO

Para iso, cada alumno deberá traer un puñado de castañas anozcadas (cun corte para que non estouren).


Faremos tamén a xa tradicional 
EXPOSICIÓN DE FROITOS DE OUTONO
Coma sempre, serán benvidos exemplares de todo canto a nai Natureza nos quere dar: marmelos, mazás, uvas, millo, noces, figos...

As castañas e os froitos levaranse ao cole o luns 28. Lembrade, as cabazas talladas agardan ao martes 29.  IMOS PARTICIPAR!!!! 

ASTERIX E OS PICTOS




Como xa estaban informados os que nos seguen por twitter hoxe chega ás librarías
Asterix e os pictos, 
nova entrega desta popularísima serie, todo un emblema da banda deseñada infantil e xuvenil, que tanto nos gusta a algúns adultos. 



A maiores de poder gozar dunha nova entrega (novo guionista e novo debuxante) temos outro motivo para alegrarnos: a edición en galego sae, da man de Xerais, ao mesmo tempo que noutros idiomas ao longo e ancho do mundo mundial. Máis unha vez, da man da literatura, a nosa lingua na división de honra. 

21 oct 2013

ABRIMOS CONTA EN TWITTER


Amigas e amigos, desde o pasado venres, 18 de outubro de 2013, festa maior no Mondoñedo de D. Álvaro Cunqueiro,  a Biblioteca ten conta propia en twitter.
Así que xa sabedes, buscade @bibliodima e manterédesvos informados de todo o que acontece por estes lares.

Por certo, non podemos deixar de comentar que nos enche de orgullo que o primeiro chío que enviamos ao ciberespazo tivo unha resposta de excepción: a do mestre Agustín Fernández Paz. Ademais de ser un dos nosos autores de cabeceira, ten estes detalles que nos gañan o corazón. 

.
 Veña! Síguenos que queremos contarche moitas cousas!




18 oct 2013

ESTAMOS DE VOLTA!


Un ano despois do primeiro post, aló polas San Lucas de Mondoñedo, damos hoxe comezo á segunda xeira deste blog de dinamización da experiencia da lectura na escola e das actividades que teñen que ver coa Biblioteca do colexio.

Como vedes na imaxe, esta semana xa botou a andar o Servizo de Préstamo, que nas primeiras xornadas andou moi concorrido.
Agárdannos algunhas novidades que iremos debullando nos vindeiros días, ao tempo que actualiamos todas as seccións deste fogar virtual.


A todas e a todos... BON VENTO!!!
Comeza a travesía!
Navegaremos mil páxinas de papel e tinta.