21 dic 2019

ESTAMOS EN OBRAS


Grazas á integración do noso cole no PLAMBE, Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares, dependente da Consellería de Educación, estamos en obras. Estamos baleirando a Biblioteca para levar a cabo unha remodelación integral. E como o facemos? Coa axuda inestimable e impagable das mozas e mozos de 4º da ESO que, voluntariamente, quixeron participar e botarnos un cable aos profes. 

Traballando unidos, que é o que non podemos acadar?

Infinitas grazas aos nosos mozos e mozas de 4º da ESO




15 dic 2019

PIRATAS NO DIVINO MAESTRO

Un grupo de dez mozas piratas de 1º e 2º da ESO percorreron o pasado xoves o noso colexio á procura dun saboroso e doce tesouro. En efecto, ataviadas con vistosos panos de cores as mozas lectoras do Club de Lectura  -Ítaca, para máis señas- culminaron o achegamento á obra "A illa do Tesouro" cun emocionante xogo de pistas que as levou por todo o centro, desde Infantil até o laboratorio, pasando pola conserxería, a dirección... Nervios desbordados, risas, tensión... Moita diversión.
Grazas a todas as participantes, ás profes colaboradoras, ás relixiosas que nos axudaron a organizalo todo... A partir de xaneiro máis e mellor!


8 dic 2019

MOCHILAS VIAXEIRAS

Desde a semana pasada xa andan a rular polas casas do noso alumnado de 3º e 4º de Primaria as MOCHILAS VIAXEIRAS. Como se sabe, trátase dunha iniciativa do Equipo de Biblioteca que busca achegar os materiais dos que dispoñemos na Biblioteca ao alumnado e as súas familias. Asemade, tamén se trata de acadar a complicidade de pais e nais no labor de achegamento á lectura, o audiovisual, á cultura.
En breve, as nenas e nenos de 3º e 4º irannos contando da súa experiencia.
Que o pasen ben!




4 dic 2019

NOVOS LECTORES

O curso avanza e novas lectoras e lectores van achegándose á Biblioteca. Aquí temos a doce novos lectores de 2º de Primaria que campan cheos de satisfacción cos seus recén estreados carnés de usuarios danos Biblio... Moi logo chegarán os seus compañeiros!

23 nov 2019

CONCURSO TRAPERO PARDO

Vén de ser convocado o XXV Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo. 

Deixámosvos imaxes da convocatoria e das bases. Agardamos que haxa unha numerosa participación neste certame que nos leva dado tantas alegrías nas últimas convocatorias, onde colleitamos catro premios nas catro últimas convocatorias. Ánimo e a escribir.




18 oct 2019

18 DE OUTONO: estamos de volta!!

18 do mes de outono: día de San Lucas, feira e festa maior no Mondoñedo de Álvaro Cunqueiro, señor das letras,... despois dunha longa paréntese estamos de volta! E retomamos estas publicacións como adoitabamos, na data acostumada e coa finalidade acostumada: a promoción dos libros e da lectura, da escritura e da cultura, especialmente da que temos de noso. E como non, dando conta de todo o que se move e se vai mover arredor da Biblioteca do colexio. QUE TEÑAMOS BO VENTO E UNHA FELIZ SINGRADURA!

Comezamos dando noticia da constitución do Club de Lectura, que este ano se divide en dous grupos: un para 1º e 2º da ESO (Piratas polo Miño)e outro para 3º e 4º  (Ítaca). Velaquí os temos:



Todas estas mozas e mozos xa andan lendo: os Piratas empezaron con "A illa do tesouro", os de Ítaca con "Maus". 

Teremos novas deles!!!