22 feb 2017

LEDICIA COSTAS EN SECUNDARIA

E se animada estivo o encontro de Ledicia Costas cos de Primaria, que dicir dos de Secundaria?
Que Ledicia chegou, falou e triunfou co seu 
O corazón de Xúpiter
Resultado de imaxes para o corazón de Xúpiter

Poderiamos recoller as palabras que escribiamos hai dous anos, na súa anterior visita: "máis unha vez outr@ escritor/a con capacidade de sorprender ao noso alumnado, de interesarnos e de deixarnos prendidos das súas verbas... e das historias que nos contan, das que lles lemos e mesmo das que nos parece que gardan para máis adiante. Porque, se algo fica claro logo de compartir conversas e reflexións ao longo de hora e media con Ledicia Costas, é que esta moza soubo, coma moi poucos, falarlles ás mozas e mozos dun mundo no que se senten recoñecidos, do seu mundo. Eis unha das razóns que levan amocidade á lectura: lerse, recoñecerse".

E todo iso segue a ser verdade hoxe en día. Engadámoslle unha boa dose de empatía, calidez e savoir faire por parte da autora e xa teremos todos os ingredientes para entender as razóns do seu rotundo éxito. A mellor proba? Os numerosos estudantes que andan estes días con outras obras súas baixo do brazo. Sen obrigas, por vontade propia. Seica Ledicia tiña algo que lles contar e sabía ben como facelo. 
Beizón e gratitude. 
Aí seguimos, na angueira de crear o lectorado galego,e en galego, que tanto queremos e precisamos. Para iso, apostamos, a rapazada aposta, por Ledicia Costas.
 Entre outras.




 Entrevista final con alumnos de terceiro. 
Comprobado: canto máis grande, máis humilde e accesible. 
Non hai fallo.



20 feb 2017

LEDICIA COSTAS, COCIÑEIRA DAS LETRAS


Emoción e entusiasmo entre as cativas e cativos de 5º de Primaria o pasado mércores, 15 de febreiro, no encontro con Ledicia Costas.

Despois de botar quince días lendo Escarlatina, a cociñeira defunta, que lle valera á escritora viguesa o Premio Merlín e mais o Premio Nacional de Literatura, o alumnado de 5º tivo a oportunidade de coñecer á súa autora e de preguntarlle e repreguntarlle todas cantas cuestións se lles ocorreu, e damos fe de que non foron poucas... Con enorme paciencia, respecto polos pequenos e toda a humildade do mundo, Ledicia falalloulles aos seus lectores de todo canto quixeron saber e preguntar. E tan ben foi a cousa que moitos andan xa a ler Esmeraldina, a pequena defunta, continuación de Escarlatina.
Non é por casualidade que Costas sexa hoxe a autora que máis vende en literatura galega infantil e xuvenil: as súas obras son magníficas e non adoitan deixar a ninguén indiferente: sirva como exemplo a paixón lectora (en galego!!) que levantou tras de si o paso de Ledicia polo noso centro.




E como non hai festa, mesmo literaria, sen bos manxares, dúas nais elaboraron dúas das receitas que se inclúen no libro - brownie de chocolate e muffins de arandos vermellos- que toda a clase compartiu ao remate do encontro (tamén podemos dar fe da destreza culinaria das nais do noso cole...)
A cousa rematou con Ledicia repartindo sinaturas, bicos e recibindo afervoadas declaracións de fidelidade lectora!


Foto de familia final: o profe Costa, Ledicia, todas as nenas/os e a Escarlatina.

 Para rematar, unha recomendación doutra obra da mesma autora:
 Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta
Que vos preste.

7 feb 2017

Que Ledicia!



Pois grande é a ledicia que sentimos ante a inminente visita de Ledicia Costas ao noso centro o vindeiro mércores día 15 de febreiro. A escritora viguesa, recente Premio Nacional, premio Lazarillo -os dous meirandes galardóns no ámbito hispánico-  e premio Xerais, entre outros- departirá co alumnado de 5º de Primaria, que estes días anda a voltas con Escarlatina, a cociñeira defunta, e cos mozos de 2º da ESO, que andan a ler O corazón de Xúpiter, ademais daqueles de 3º da ESO que se queiran sumar.

Grande ilusión nas aulas ante esta moza con devotos lectores nas nosas aulas!

2 feb 2017

MANUAL DE AUTOAXUDA PARA NEOFALANTES

A brillantísima comunicadora Belén Regueira reflexiona sobre a súa condición de neofalante (aquelas persoas que mudan de lingua para pasar a falar en galego habitualmente). Paga a pena botarlle unha ollada.

VISTO NA PRENSA


Andamos nos papeis. Hai uns días o xornal local, El Progreso, recollía información sobre a participación do alumnado de 3º da ESO no concurso que eles mesmos convocan sobre a realización da prensa na escola. Agora toca traballar e... a ver se temos sorte!