25 feb 2014

ROSALÍA EN "V televisión"

Os de V televisión tamén recolleron as nosas andanzas pola Praza Maior. coidamos que a reportaxe quedou moito mellor que a da TVG, se ben hai que recoñecer que adoptaron puntos de vista moi diferentes. Vós que opinades?

O DÍA DE ROSALÍA NA TVG

Ao longo desta semana iremos subindo máis información sobre a celebración do Día de Rosalía e a súa repercusión nos medios.
 Comezamos pola pequena reportaxe na Televisión de Galicia. Despois do anuncio, inevitable.
facede clic no enlace que poñemos aquí abaixo:
Se queredes ver a información que ofreceu a TVG a propósito da nosa intervención no Día de Rosalía, premede aquí ou dádelle ao play:

24 feb 2014

ROSALÍA VIVA! VIVA ROSALÍA!


Intenso día de Rosalía o que vivimos hoxe no colexio e na cidade de Lugo
.24 de febreiro.
Con maior ou menor acerto a verdade é que conseguimos espertar moito interese e crear grande expectación coa que argallamos desta volta: sacar a Rosalía á rúa e lermos os seus poemas para compartilos coa xente.
Empezamos contando coa presenza da propia Rosalía rediviva e do seu marido, don Manuel Murguía:

E do cole á rúa: Xa na Praza Maior, veña a falar coa xente, atender aos medios... 
(fai clic nas imaxes para aumentar o tamaño)

 

 

 

 

 

 

Pero isto non foi todo: ao volver ao cole  veña de novo Rosalía a percorrer de novo as aulas de Primaria e Infantil para saudar aos pequenos, repartir marcapáxinas, colocar pegatinas...


Nalgunha aula mesmo sacamos imaxes tan bonitas coma esta:



E tamén atopamos clases tan decoradas coma estas:
 


E na saída de Primaria, volta os "voluntarios rosalianos" a ler poemas ás mamás e papás, a repartir pegatas... velaí todos os peitos adornados cos autocolantes que deseñamos!

 

 

 

Mañá -hoxe non hai máis folgos- subiremos novas imaxes e máis cousas sobre este 24 de febreiro tan agotador, pero que resultou tan rosaliano, tan gratificante, tan emocionante e tan... tan divertido, por que non dicilo?

21 feb 2014

LENDO A MANUEL MARÍA NA RADIO

Para culminar unha semana frenética , cheíña de actividades, hoxe oito alumn@s de Secundaria desprazáronse a Radio Lugo para gravar senllos poemas de Manuel María.
 

Tratábase de reivindicar a obra do poeta da Chaira e pedir así que lle sexa adicado o Día das Letras. E as mozas e mozos do "Divino Maestro" fixérono con poemas tirados das obras "Terra Cha", "Documentos Personaes", "Os soños na gaiola"...

O que hoxe se gravou emitirase a finais de marzo ou primeiros de abril, pero diso xa falaremos ao seu debido tempo. Esperamos a visarvos con tempo para poder escoitalo nas aulas e nos fogares, como non?

19 feb 2014

VISÍTANOS O LUTHIER XERMÁN ARIAS

Hoxe, 19 de febreiro, tivemos o enorme pracer de recibir nas aulas de Secundaria ao luthier sarriao Xermán Arias, grazas á colaboración do Departamento de Música, representado neste caso pola profe Ana Iglesias, e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, con Olga Matalobos á cabeza.


Poucas veces temos oportunidade de disfrutar da presenza e da palabra dun artesán e artista da altura que hoxe nos ofreceu Xermán Arias. Este home de Sarria agasallounos esta mañá cunha dose enorme de sabedoría, de calma,... foi un saber fondo e antigo o que nos transmitiu de maneira amena, humilde -artesanal- ás mozas e mozos de 2º e 3º da ESO.


Xermán falounos da música tradicional, da súa evolución, das madeiras que se empregan na fabricación de instrumentos -o arce, o abeto, a caoba- dos seus gustos musicais, do tempo lento que require a súa arte. Neste mundo tolo que nos tocou en sorte -onde todo son présas, carreiras e reloxos- o luthier puxo o contrapunto dos longos meses de vernizado, a calma da madeira secando no seu obradoiro, a paciencia de quince anos de aprendizaxe: Outra maneira de ser e de estar no mundo!


Abraiados quedamos e gratisimamente sorprendidos. Xermán non deixou a ninguén indiferente: o silencio absoluto durante a súa exposición, as caras de atención, as numerosas preguntas -que fácil saían hoxe!- dan fe do interese que suscitou este encontro.
Beizón a Xermán e a quen o trouxo!

DE RUTA POLO MUSEO...

Un ano máis, repetimos na actividade "Rutas Literarias polo Museo" que propón o Museo Provincial de Lugo e na que xa levamos participado tantas veces. Desta volta foi a quenda dos "Piratas polo Miño" e dos Contos de Medo:

Coma de costume, no refectorio do antigo mosteiro recibiunos Mendoza, o responsable desta actividade, que nos explicou como ía a competición, as normas, falounos do libro, de como responder as preguntas...

E aquí nos vedes, traballando e buscando respostas polos cadros, as vitrinas e as eculturas... non quedou recuncho do museo onde nos andaramos a buscar!

 

 

Coma sempre na vida, ten que haber un gañador! Desta volta foron os que aquí abaixo comparecen: eles seguiron a Ruta do Pozo, e entre relatos e artes varias, un boli de agasallo levaron!




17 feb 2014

VISITA Á BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL

Hoxe as nenas e nenos de 1º de Primaria, acompañados dos padriños e madriñas de 3º da ESO, fomos camiñando ata o Parque da Milagrosa para visitar a Biblioteca Municipal.
Velaí estamos, de camiño..., sen medo á chuvia nin ao frío!

Logo chegamos e, aos poucos, fomos situándonos e poñéndonos cómodos... uau! que sitio máis chulo, cheíño de libros e contos e debuxos e imaxes e poemas e...
 


Ao cabo dun anaquiño, xa estabamos todos expectantes por saber que ía pasar alí... 



Entón chegou Teresa, a bibliotecaria, que nos explicou moitas cousas: qué é unha biblioteca, que actividades se fan alí, como hai que facer para coller libros e películas. Tamén nos falou do traballo dos bibliotecarios, dos autores e dos ilustradores dos libros... explicounos cómo están colocados os libros e dixo que o seu traballo era moi divertido!


Despois das agarimosas palabras de Teresa puxémonos a traballar... fixemos unha actividade que se chamaba "APRENDIZ DE BIBLIOTECARIO"... non era tan doada, menos mal que os maiores colaboraron cos peques!

 

 



  
Logo houbo outra actividade de colaboración... empezamos a prepara un conto xuntos! Pero disto aínda non imos dicir moito... agardade e veredes!
Para ir rematando contáronnos un conto divertido 
que se titulaba 
"A figueira de Pelostortos"





Xa ao final a Axudante da Bibliotecaria repartiunos o carné da Biblioteca Municipal a cada un: xa todos somos socios! Podemos volver cando queiramos e levar libros para a casa, e pelis, e discos...


De volta ao cole houbo que repoñer forzas... A profe traía galletas para todos! Iso tamén foi unha sorpresa sorprendente!

 

E, co bandullo un pouco máis contento... 
de volta ao cole! Foi unha mañá estupenda!

 E como axudaron os grandullóns da ESO:
 Samuel ata fixo de paraugueiro cando non chovía!