20 dic 2012

FIN DO PRIMEIRO TEMPO: BO NADAL

POIS AQUÍ REMATA A PRIMEIRA ANDAINA DO BLOG DA BIBLIOTECA.
EMPEZOU O 19 DE OUTUBRO DESTE ANO E EN DOUS MESES ALÓ VAN MÁIS DE 30 ENTRADAS, 3000 VISITAS, COMENTARIOS, CLUBES DE LECTURA...

EN XANEIRO.... MÁIS!
  
O EQUIPO DA BIBLIOTECA DESÉXAVOS
A TODAS E A TODOS:

E esta é a mensaxe que nos deixou Celso Emilio ao pé da nosa árbore de libros:
Que a esperanza e a verdade vos acompañen!


O GRAN DÍA DO HOBBIT

AMIZADE CON GANDALF

Si, creo que iso define ben o que sentimos ao rematar a película nun céntrico cine da cidade de Lugo, a onde nos desprazamos 43! membros dos clubes de lectura de Secundaria, Piratas, Leóns, Ítaca, para ver a película da obra que viñamos de ler, nalgún caso, ou que leremos no futuro -os pequenos Piratas-. AMIZADE CON GANDALF e con Bilbo, con Thorin, fillo de Thrain, ou con Elrond, señor dos Elfos.

Para non falar de Galadriel.

Disfrutamos moito, moito. A verdade é que o pasamos moi ben, aínda que se cadra non era a película que nós tiñamos na cabeza, que cadaquén faise a súa mentres le.



E como diría un clásico: CINE, CINE, CINE, CINE...MÁS CINE POR FAVOR! QUE TODO EN LA VIDA ES SUEÑO... Y LOS SUEÑOS... CINE SON!

Aí quedan algunhas imaxes máis desta mañá tan "fantástica":

Ás veces un recibe unha visita inesperada:


E claro, hai que convidar a comer algo:


E a sala énchese de xente:


E un séntese anonadado:
                            non podes deixar de mirar!


E comeza a viaxe: que sexa longa!


19 dic 2012

DOAZÓN

A galego-cubana María Karla, de 2º da ESO, quixo achegarnos a súa terra de orixe e ocorréuselle que estaría ben o dispormos de algunha obra do grande José Martí á Biblioteca. Agradecémoslle a doazón que nos fai e celebramos tamén a súa re-incorporación aos Leóns de Bagdad, despois dunha paréntese de dous trimestres.
Con xestos coma o de Karla medramos todos!

14 dic 2012

REMATOU O MISTERIO NA BIBLIOTECA!

Xa temos vencedor!
JAVIER SUÁREZ PENA desvela o misterio antes ca ninguén!


Efectivamente, os estraños sinais aparecidos na nosa Biblio eran o símbolo das "reliquias da morte", obxectos que aparecen no último libro da serie de Harry Potter. Ademais, Javi soubo buscar a sinatura deste exemplar na nosa Biblioteca: GPS HAR 7.

O seu premio?
Unha entrada gratuíta para ver "El Hobbit" o xoves que vén no cine.
E un bonito "Vale".
E, se cadra, algunha galleta...

Na imaxe, o Bibliotecario Maior do reino CODIMA faille entrega do VALE a Javier. O gran Dánel foi o segundo máis rápido en resolver o misterio, pero aquí o vemos con total deportividade exercendo o seu rol.

12 dic 2012

OS MÁIS PEQUES DO COLE NA BIBLIOTECA!!!!!

VISÍTANNOS OS NENOS E NENAS DE 3 ANOS
O futuro xa está aquí


Xuntos, contamos este divertido conto
(e eles pódenllo contar aos seus papás, se lles preguntan...)


Logo divertímonos botándolle un ollo aos libros da Biblioteca:


Había moitísimos!

 

Foi moi divertido!!


E tan contentos estivemos que rematamos cantando: porque para aprender a ler, primeiro hai que aprender cancións! E poemas, e contos, e ditos, e adiviñas...
e despois é moito máis fácil aprender a ler!!!

11 dic 2012

RAPAZAS

Paula Elí, de 4º da ESO, leu e recomenda "Rapazas", de Agustín Fernández Paz.




Isto é o que nos escribiu: "Este último libro que lin en galego reultoume bastante interesante, xa que en moitos casos conseguín sentirme identificado con algunha das personaxes. Reflicte o mundo novo que os mozos adolescentes estamos a descubrir. Trata, en moitos casos, dos sentimentos, do colexio, da familia, do noso entorno en xeral... É un dos mellores libros que teño lido en galego ata o momento e
recoméndoo sen dúbida algunha."

 

Fiádevos, pois, das palabras de Paula e lede esta obra de Agustín Fernández Paz,  todo un mestre e gran contador de historias, sen dúbida. O máis lido no noso centro. Por algo será.

7 dic 2012

OS DE ÍTACA ATOPAN A SMAUG

En efecto, podemos dicir solemnemente que, en plena tempada de exames, os maiores veñen de acabar O Hobbit. Aquí os vemos, ou non os vemos, en plena faena:


Cara de sorpresa das lectoras ante o inesperado final:

- Mi madriña!!

6 dic 2012

4 dic 2012

RUTAS LITERARIAS NO MUSEO PROVINCIAL

"PIRATAS POLO MIÑO" ASALTAN O MUSEO PROVINCIAL

Efectivamente. os máis peques dos Clubes de Lectura, os "Piratas polo Miño", de 1º da ESO, leron o libro Contos no museo e hoxe desprazáronse ata o museo para participar na actividade denominada "RUTAS LITERARIAS POLO MUSEO". Alí, divididos en grupos de catro, percorreron catro rutas diferentes (a ruta do trasno, a da serpe, a da pantasma e a do paxaro) contestanto as preguntas que lles propuxeron e que tiveron que ver tanto co libro lido como coas coleccións expostas. Ao final houbo catro gañadores -Ángela, Manuel - que recibiron un bolígrafo de agasallo e todos levamos un marcapáxinas de agasallo.

Non é a primeira vez que desde o colexio se propón esta actividade, pero esta vez saíu moi ben, así que en febreiro volveremos, esta vez cos "Leóns de Bagdad" de 2º da ESO.
E aquí están algúns piratas diante da Escola de Doloriñas, que todos coñecemos.

Xa na saída, no refectorio vimos unha exposición
de monicreques de todo o mundo:


E orgullosos que marcharon ao descubriren tanta riqueza
 e patrimonio cultural que atesouramos na nosa cidade!