30 abr 2014

PENÚLTIMAS TENDENCIAS

Da man de Ana Gómez e Merce Rodríguez, de 4º e 3º da ESO, respectivamente, traemos esta novidade literaria que xa pode atoparse na nosa Biblioteca: Penúltimas tendencias, libro de poemas da autoría de Carlos Negro.
"Parécenos que expresa moi ben como nos sentimos as mulleres que aínda non o somos respecto ao que a sociedade quere e e espera de nós e temén aquilo que moitas non estamos dispostas a ser".
"Síntome identificada con estes poemas".
"Vivimos na ditadura do espello".
"Di o que moitas pensamos".

Son algúns dos comentarios que Merce e Ana fixeron ao respecto desta obriña que parece ter dado no albo ao tentar porlle voz a moitas mozas adolescentes dos nosos días que pulan por se liberaren dun modelo de muller -ou fadas ou princesas- que afoga e mata -si, mata-.

Falaremos novamente deste libro, pero mentres tanto recomendamos vivamente a súa lectura non só a adolescentes, senón a todas e todos cantos precisen palabras, argumentos -armas, en definitiva- para confrontar os seus sentimentos cos roles e clichés que a sociedade parece querer impoñernos, neste caso, ás mozas dos nosos días. 
Amigos, amigas, a subversión é posible.E necesaria.

29 abr 2014

UN PROXECTO QUE VAI REMATANDO.

Achégase a fin de curso e os proxectos que iniciamos hai tempo van chegando ao seu cabo. É o caso do proxecto de apadriñamento lector 
entre 3º da ESO e 1º de Primaria.
 Hoxe andamos por estas dúas aulas para rematar o material que elaboramos: logo poderemos asistir á exposición dos libriños que fomos creando xuntos!


 


24 abr 2014

DE VOLTA NO DÍA DO LIBRO!

Ola a todas e todos! Xa estamos de volta no terceiro e derradeiro trimestre deste  curso 2013/14. 

E foi chegar e darnos de fuciños co 23 de abril, Día do Libro, que é tanto coma dicir Día da lectura, dos lectores, das bibliotecas... ben é verdade que este ano case non tivemos tempo de argallar actos de celebración de data tan sinalada e tan significativa para nós.

Malia todo, e ademais das accións que se levaron a cabo en cada clase, organizamos un sinxelo acto na Biblioteca onde, quen quixeron, nos trouxeron unha mostra de algún dos seus libros favoritos, nos leu o seu comezo e armamos un humildísimo mural con todo iso: pobre homenaxe ao libro e á lectura, pero sentido e ben garimoso, como demostra a imaxe que nos amosa a biblioteca ateigada, a pesares de ser tempo de recreo e actividade totalmente voluntaria, xaora! 


Por certo, o actiño tamén serviu de homenaxe ao grande Gabriel García Márquez: comezamos por ler Cien años de soledad. E el, hai mellor homenaxe que ler a súa obra?

Diversos momentos da presentación de obras e lectura das primeiras palabras de cada unha:


 

 

Detalle dos muraliño que elaboramos:



E das obras que trouxemos e presentamos:




11 abr 2014

DESPEDÍMONOS (temporalmente) DESEXANDO SORTE...

Sorte para os mozos e a moza de 2º da ESO, Víctor, Martín e Ainara -ao igual que xa fixeramos con Santiago- que foron os representantes do Colexio "Divino Maestro" na proba en castelán do concurso de narrativa "Novos Talentos" organizado e patrocinado por Coca- Cola. 


Cos seus sorrisos e o seu traballo dicimos ATA LOGO! para volver atoparnos á volta de Semana Santa. Empezaremos, xaora, celebrando o Día do Libro.

8 abr 2014

NATA? CHOCOLATE? ALICIA BORRÁS

Hoxe tivemos o privilexio de contar coa visita da viguesa Alicia Borrás, que veu ata onda nós -da man da editorial Anaya, obrigados- desde a cidade olívica para falarmos da obra que leu o alumnado de 5º e 6º de Primaria:
Nata y chocolate


Ante un auditorio moi atento, Alicia comezou falando da súa obra, dos personaxes desta novela, de como foron xurdindo os temas que nela se tratan, da experiencia da escrita... das cousas que anda a escribir...

Cómpre salientar a activísima participación no debate posterior, con multitude de preguntas, comentarios e intervencións por parte do alumnado, para ledicia dos seus profes e a gratitude da autora que, coidamos, tamén se sentiu moi 
cómoda entre nós. 
Unha autora para seguir. Se cadra no futuro nos volvemos atopar con novas lecturas e máis cousas que falar.

Agardando para que Alicia asinase todos os exemplares.

E, pacientemente, todos fomos pasando para que Alicia nos asinase 
a todos os nosos libros:

3 abr 2014

E POR QUE QUEREREMOS TANTO A MANUEL RIVAS??

Poucas veces temos ocasión de asistir a un acto tan especial,case "máxico", como foi o encontro que os "peques" de 3º de Primaria tiveron na Escola de Maxisterio de Lugo con Manuel O'Rivas tras de ler a súa pequena grande obra"O raposo e a mestra", que lles gustou pola letra ("chacarrandainas!") e polo debuxo do vello coñecido Jacobo Fdez. Serrano. E se cadra tamén polo amor á natureza que desprende, polo aprezo pola figura dos mestres, polo amor á terra nosa ("a nosa terra, o planeta Terra" que dixo O'Rivas)...

Así de animados estaban os cativos de terceiro agardando polo coruñés:

E abofé que ninguén saíu defraudado. Canda Rivas viña Cé, o home orquestra de Monforte, a primeira sorpresa da mañá. Rivas contou, cantou , bailou, interpretou... e Cé puxo a banda sonora, os paxaros, a chuvia, as ondas do mar... acompañamento marabilloso para esta lectura.

E Manuel e Cé cantaron e bailaron, e fixéronnos cantar e bailar e darlle ao rabo coma Pindo, o argalleiro raposo raposeiro do relato.

E mais houbo voltas e revoltas,...

...e velaí  O'Rivas polo chan, para lle dar vida a Pindo, para que os seus zapatiños de charón tequelexen para sempre no noso corazón... xaora que han!

XUNTOS SOÑAMOS, ESCRIBIMOS, CREAMOS...

Continuamos co proxecto de animación á lectura de 1º de Primaria e 3º da ESO. Estamos xa nos derradeiros pasos do camiño, elaborando o produto final do proxecto: o libro compartido, inventado e debuxado polos padriños e madriñas e mais polas "afilladas/os". 

 

Velaquí algunhas imaxes que dan fe dos bos momentos compartidos entre 
grandes e pequenos:






Está claro, non si?... xuntos lemos, escribimos, creamos, soñamos... 
facemos escola!