30 ene 2014

CANTAS POMBAS DONA PAZ!

Hoxe, 30 de xaneiro, Día da Paz, as nenas e nenos de 1º de Primaria remataron os debuxos que iniciaron coas súas madriñas e padriños a propósito do relato
"A pomba dona Paz."  
Para conmemorar este día expuxemos na entrada do cole as dúas cousas, o relato de Ramón Caride e as obras de nenas e nenos...



A verdade é que a entrada do cole quedou moi bonita co traballo de toda Primaria:


28 ene 2014

A POMBA DONA PAZ


Hoxe continuamos coa actividade de "apadriñamento lector" entre o alumnado de 3º da ESO e os peques de 1º de Primaria. Para empezar, os maiores contáronlles aos seus afillados o conto  "A pomba dona Paz", que estamos ás portas do 30 de xaneiro, día da Paz!


Cando chegaron os da ESO, as mozas e mociños de primeiro saudaron as súas madriñas e padriños cunha canción e un baile moi chulos que tiñan preparados, tamén co gallo da festa da Paz: No patio do meu cole nunca hai liortas...

Logo xa baixamos á Biblioteca ou saímos ao corredor en pequenos grupos para as narracións... había moitas expectativas!

Os maiores prepararon a narración con moito agarimo e tiveron como recompensa un público moi atento!


Ao rematar os contacontos, despois de moitas preguntas, de moitas explicacións e de entender moi ben o relato... tivemos un pequeno obradoiro de debuxo... coas madriñas e padriños axudando e dando bos consellos!


Foi un traballo minucioso! 
Eu creo que cómpre expoñelo para 
o Día da paz, non si?


23 ene 2014

RECUNCAMOS NO CONCURSO DE COCA-COLA


Un ano máis, e xa van cinco, imos volver intentalo no concurso de relato curto que organiza a multinacional COCA COLA. 
Hoxe  recibimos o material para comezar a preparar as mozas e mozos de 2º da ESO, así que en breve seleccionaremos aos nosos representantes.
Novidade? Nos anos anteriores só nos presentamos na modalidade de Lingua Galega e este ano imos probar sorte tamén en Lingua Castelá. 


Manterémosvos informados. 
Mentres tanto facemos votos para que os de segundo da ESO poidan renovar os loureiros que anteriormente foran quen de gañar Inma Alonso e Laura Cernadas, 2ª e 5ª en diferentes edicións anteriores.
E seguimos a soñar, afoutos, coa descocacolonización do mundo...

21 ene 2014

APADRIÑAMENTO LECTOR

As mozas e mozos de 3º da ESO teñen todos novas afilladas e afillados...
AFILLADOS LECTORES... de 1º de Primaria. Coas nenas e nenos de 6 anos van ler contos, facer debuxos, cantar cancións, escribir, acudir á biblioteca... en fin, axudarlles a medrar no seu desenvolvemento lector. 
E logo, non lles acaen os nomes de madriñas e afillados??
O luns, 20 de xaneiro, tiveron o seu primeiro encontro... que nervios! Tratábase unicamente de coñecerse mutuamente e de entrar en contacto antes de comezar o traballo...

Ao prrincipio, foi un pouco difícil...

Logo, fómonos xuntando por parellas de madriña/padriño e afillad@

Pois parecen simpáticos estes grandullóns...

Aínda que nos daba un pouco de corte:

 Pero os da ESO son boa xente!

E pouco a pouco, fomos empezando a falar...

E logo xa demos en rirnos...

E pasámolo ben xuntos!

Logo comezaron as actividades que nos explicaron 
Álex, Dani e Adrián...

 Daquela xa non tiñamos vergoña!

O vindeiro martes imos cantar e contar xuntos de novo...coidamos que vai ser francamente divertido e que todos imos aprender moito!
Se queredes, podedes ter novas desta actividade lectora todos os martes nesta páxina!
Lémonos!


A páxina da ANPA

ANPA

Pois non sei se xa o comentamos antes, coido que non, pero a ANPA do noso colexio tamén mantén un blog que serve para informar e manter o contacto... O enderezo é o seguinte:
Deixámosvos o enlace no botón da dereita e, se lle botades unha ollada, veredes a cantos servizos se pode acceder só por ser socio da ANPA: Paga a pena!
E por que o traemos aquí? Que ten que ver coa lectrura...? 
Pois coa lectura non... pero si coa lingua de noso:
PARABÉNS AOS RESPONSABLES DA ANPA 
por escoller a nosa lingua para o seu blog. 
Xuntos, facemos camiño.

15 ene 2014

ESTAMOS DE VOLTA!!!


AQUÍ ESTAMOS DE NOVO!!!
Ano novo, vida nova, di o refrán... non será para nós, cando menos nesta fiestra aberta ao mundo que quere ser depapeletinta... E hai que ver que difícil resulta poñerse a andar de novo despois das Festas do Nadal...
menos mal que temos libros para ler...