30 ene 2013

ASÍ FALOU AFONSO ALFONSO

Para rematar o encontro con Antonio Reigosa, dous compañeiros de 1º da ESO, Martín Álvarez e Víctor Suárez, recitaron as Palabras Recrebadas de Afonso Alfonso para librarse dos requirimentos da Morte. Non o puidemos gravar no Museo, pero logo repetírono para toda a clase. A verdade é que o fan moi, moi ben.
Ao Antonio Reigosa encantoulle!
Dádelle ao play!!!

CON ANTONIO REIGOSA

O martes, 29 de xaneiro, os Piratas polo Miño e os Leóns de Bagdad fomos ata o Museo provincial de Lugo para atoparnos con Antonio Reigosa, autor de
Memorias dun raposo.
O primeiro que temos que dicir é que o pasamos moi ben. Comezamos sabendo que o bo Antonio xa morreu dúas ou tres veces... si, si, como oídes. O caso é que non só se trata dun gran escritor, senón tamén dun gran narrador oral: ameno, divertido, profundo por veces... fíxenos pensar e a obra que leramos aínda nos gustou máis!
Graciñas.

25 ene 2013

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA PARA ESCOLARES

Un pouco tarde, pero coidamos que este concurso pode interesar a algúns dos nosos alumnos e ex_alumnas:

A UCGAL (Unión de Consumidores de Galicia), convoca un concurso fotográfico dirixido a afeccionados á fotografía que cursen estudios nun centro de ensino secundario, bacharelato ou formación profesional de Galicia no curso 2012-13.
Tema “O impacto da crise económica en Galicia”
 As fotografías que concorran ao certame tentarán reflectir as consecuencias ou impacto que o actual contexto de crise económica está a ter nos distintos sectores da sociedade galega ou nos distintos colectivos da poboación galega.
Requisitos: As fotografías deberán ser presentadas, en formato dixital, en branco/negro ou cor. Resolución media/alta Deberán ser orixinais e inéditas sen unha signicativa modificación dixital. O número máximo de fotografías admisible por participante é de 3.
Data límite para a recepción das obras: día 31 de xaneiro de 2013. As fotografías enviaranse por correo electrónico ao enderezo certames@ucgal.org Cada arquivo fotográfico deberá nomearse co título da obra. O correo electrónico enviado incluirá un arquivo adxunto coa seguinte información: Nome e apelidos do autor; idade; pseudónimo; teléfono e enderezo de correo electrónico de contacto; centro donde cursa estudos.

O RAPOSO SEGUE ENGANCHANDO

Mesmo na bici:


Ou xogando ao fútbol:


O martes, 29, no Museo Provincisl, Antonio Reigosa porá fin
a esta "paixón raposa".

21 ene 2013

MEMORIAS DUN RAPOSO


Como saberedes, o vindeiro martes, 29 de xaneiro, teremos un encontro con Antonio Reigosa, o primeiro encontro con autor deste ano. O caso é que Piratas e Leóns leron Memorias dun raposo, pero parece que algúns Piratas andaron algo liados e non tiveron moito tempo para ler, ou ben lles gustou tanto que nin en Educación Física puideron parar de ler... o caso é que así os sorprendemos:

xogando ao bádminton

descansando no ximnasio
preparando a coreografía
facendo  a ponte
practicando tenis de mesa...
mesmo cabeza abaixo!

Que paixón por Afonso Alfonso!

17 ene 2013

CONCURSO DE REDACCIÓN COCA-COLA




Hoxe presentouse na aula de 2º da ESO o concurso de relato curto que cada ano organiza a empresa Coca-Cola. É a 52 edición na modalidade de castelán e a V na modalidade de Lingua Galega. Os mozos e as mozas de 2º van participar este ano nas dúas linguas, aínda que en cursos anteriores só o tiñamos feito en galego. Aínda lembramos con emoción o 2º posto autonómico que acadara Inma Alonso hai un par de xuños, xa case tres...
Ánimo a todos e a traballar.
Cando os representantes do noso cole sexan seleccionados, traerémolos aquí para coñecemento de todos.

E, aínda que nos gusten os refrescos, aínda que participemos en calquera concurso literario, seguimos estando con Celso Emilio -xaora- contra a cocacolonización do mundo...

Si, somos contraditorios.

15 ene 2013

PREMIOS LITERARIOS MINERVA

 O Colexio Manuel Peleteiro,
de Santiago de Compostela,
  convoca os seus prestixiosos premios literarios




  


Participantes. Poden participar alumnos de 3º e 4º de ESO e Bacharelato que cursen estudios en Galicia, e non teñan cumpridos os 20 anos o 31 de decembro do ano anterior ao do fallo.

  Modalidades. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e poderán concorrer nas seguintes modalidades:
  Poesía: un conxunto de tres poemas, de tema e forma libres.
  Narración: con extensión máxima de seis folios mecanografiados a dobre espacio e de tema libre.

  Presentación. Enviaranse sies exemplares. Neles figurará o título e un seudónimo ou lema, pero non o nome do autor. Nun sobre pechado introduciranse os datos personais do autor (nome, idade, enderezo, teléfono particular, curso e Centro onde estudia), que -para acreditar a súa condición de alumno do Centro- virán selados polo Seminario de Galego. No exterior do sobre figurarán unicamente o seudónimo ou lema e o título da obra.
  Traballos e plica enviaranse conxuntamente a: PREMIOS LITERARIOS MINERVA. Colexio M. Peleteiro. San Pedro de Mezonzo, 27. 15701. Santiago de Compostela.

    Xurado. Estará constituído por escritores e profesores de Lingua ou Literatura de distintos centros de ensino de Galicia e darase a coñecer con anticipación á emisión do fallo.

  Prazo. O prazo de presentación remata o día 31 de marzo.

14 ene 2013

ESTAMOS DE VOLTA: COMEZA A 2ª PARTE

 Despois do parón de Nadal e logo dunha semana de clases, poñemos de novo en marcha o caderno da Biblioteca. Aínda que coste un pouco, cómpre empezar de novo.
Imos aló a polo segundo asalto. Temos moito traballo por diante: moito libro que ler, moito post que colgar e moito que falar, contar e informar.
O primeiro?
Andamos a preparar o encontro con
ANTONIO REIGOSA!
Seguimos.