27 oct. 2016

CASTAÑAS, CABAZAS, FOTOGRAFÍAS, FROITOS... OUTONO


Ao longo de toda a semana puidéronse ver no noso colexio moitos exemplos de collage, fotografías de outono, exposición de froitas e froitos da nosa terra... e hoxe culminamos co MAGOSTO, comendo castañas, xaora, e o concurso-exposición de cabazas talladas e decoradas. Velaquí unha pequena mostra de todo isto:

 

 

 


Parabéns a todos os participantes polo enorme e magnífico traballo!!


25 oct. 2016

CERTAME DE NARRATIVA "TRAPERO PARDO"

  •  PARTICIPANTES: Rapazas e rapaces de 12 a 18 anos de calquera centro educativo da provincia de Lugo de ensino non universitario. 
  • PRESENTACIÓN: Os contos deberán ser traballos inéditos, escritos en lingua galega. O tema será libre e a extensión non pode ser superior a dez páxinas. Presentaranse por triplicado, escritos por unha soa cara, a máquina ou a man, con letra lexible.(...)
  • PRAZO DE PRESENTACIÓN: Os contos serán enviados á área de Educación. Centro de Convivencia Uxío Novoneyra 3º andar. Rúa Quiroga Balllesteros, nº 1 – 27001 Lugo, ou envialos ao Rexistro xeral do Concello sita no Edificio Administrativo na Ronda da Muralla número 197- 27001 Lugo. A data límite de presentación dos traballos será o día 20 de novembro de 2015. 
  • PREMIOS: CATEGORÍA DE 12 A 14 ANOS 1º Diploma, lote de libros e premio valorado en 200 €. 2º Diploma, lote de libros e premio valorado en 100 €. 3º Diploma, lote de libros e premio valorado en 70 €.  (...)
  • Máis info AQUÍ


24 oct. 2016

24 DE OUTUBRO, DÍA DA BIBLIOTECA


Hoxe, 24 de outubro -e desde 1997- celebramos o Día da Biblioteca. 

Elena Odriozola utiliza a imaxe que vedes abaixo para lembrar que a Biblioteca é un espazo  para a lectura, pero tamén un lugar onde caben todas as artes. 
Fermosísimas son as palabras que "a nosa"Ledicia Costas -o último Premio Nacional de LIX e último Premio Lazarillo- escribiu para conmemorar este día, aniversario da queima da Biblioteca de Saraxevo:


 

Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca. 

Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. 

Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:

—Sombreireira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?

Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!

23 oct. 2016

COMEZA O CLUBE DE LECTURA

 Sen présa, pero sen pausa, demos comezo ao clube de lectura 2016, que en principio estará formado por nove mozas e mozos de 2º da ESO, aínda que sempre esteamos abertos a novas incorporacións.
Como esta mocidade é moi afouta imos adentrarnos nos tebrosos mares do sur até atopar a illa do tesouro, da man de Long John Silver e Jim Hawkins. Xaora, tamén levaremos canda nós unha botella de ron e unha barrica repleta de mazás...







E, xa que logo, mariñeiros, podemos partir desde a luguesa Rúa do Outono, sabedes onde queda, non si? A CONTRAVENTO!


20 oct. 2016

XA É OUTONO

Vistes as follas das árbores amareleando e ciscadas polo chan? Probastes xa as castañas este ano? Pasou o San Froilán? Daquela, xa é outono. E imos celebrar algúns eventos para lembralo.

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

Estás na ESO? Tes móbil? Gústache tirar fotografías?

                  Pois veña, imos ver de retratar o señor OUTONO en calquera dos seus motivos (natureza, costumes, comidas...)  

                 

  •   Envía esas fotos ao enderezo xoseluisprofe@gmail.com
  •   Apura! Faino antes do martes, 25 de outubro. 
  •   A que máis guste levará un agasallo ben interesante.

CONCURSO DE TALLADO DE CABAZAS



Trae a túa cabaza tallada e decorada o xoves, día 27, ponlle o nome para poder identificala e leva un agasallo se resulta premiada! E, aínda por riba, logo pode lucir ben fachendosa nas vosas casas...

CONCURSO DE COLAXES





Es alumna/o de Primaria? Sabes facer unha colaxe?


 Con follas, ourizos, pedras... e todo o que a imaxinación che suxira, imos aló e verás que ben locen na entrada do colexio para o día do magosto!





MAGOSTO

Comemos unhas castañas???

Trae un puñado de castañas ao cole o luns, 24 (nos esquezas anozcalas -picalas-)e o xoves 27 asarémolas para compartilas no recreo. 



FROITOS DO OUTONO

Montamos unha exposición? Traiamos ao cole mostras de todo aquilo que a natureza nos dá chegado este tempo. Entre todos imos facer unha exposición ben chula.




18 oct. 2016

REACTIVANDO


Resultado de imaxes para Agustín fdez paz

Un ano e medio máis tarde da última publicación nesta bitácora volvemos á carga. Por que? Pois porque este verán finou un dos nosos autores máis queridos, o mestre Agustín Fernández Paz, e a fonda tristura que nos causou este pasamento provocounos a seguinte reflexión: o seu amor non puido ser inútil. Non pode!

E por iso volvemos á carga. Desde a nosa humildade e cativeza, desde un blog diminuto e de escasa difusión, si. Pero cadaquén fai o que pode. Nunca esqueceremos o seu  agarimo cando saudou a nosa recén estreada conta de twitter, a súa presenza na nosa Biblioteca, as súa palabra poderosa... como nunca deixaremos de ler os seus libros, este ano nas listaxes de lectura de todos os cursos da ESO no noso Centro. 

Así que poderemos dicir que ao pouco de se encetar xullo en Vigo non se enterrou un cadáver, enterrouse semente. Se cadra este froito é cativo e pequeneiro,si, pero vemos medrar, vizosos, as mozas e mozos que o len nas nosas aulas: temos fe en que eles florecerán mañá e darán os froitos que Agustín e nós anceiamos...


E arrincamos no Día das San Lucas, festa maior na capital mindoniense do Antigo Reino. Seguramente o Agustín andou a mirar nos cabalos na compaña de don Álvaro mentres ao lonxe repinicaba a Paula... A GALOPAR!