22 jun 2013

TRES, DOUS, UN... REMATOU!!!!

Pois chegamos ao final... aló van 91 (si, 91!) entradas, máis de 8500 visitas... algún traballo feito, moito por facer e algunha que outra idea de futuro,... se o houber!

A todas e a todos, desexámosvos un verán moi, moi... LECTOR!
Non imos dicir feliz, non, quen pode ser feliz nestes tempos escuros que nos tocou vivir?? Ben, que sexa o mellor que para cadaquén poida ser!
Para celebrar a fin do curso dexámosvos esta peza marabillosa da muller do momento na música galega: Sés.
Con ela enviámosvos enerxía, compromiso, paixón, un volcán en erupción!


Con aire fresco de mar
curo feridas e loitos
[...]
Para seguir camiñando
fago noite na esperanza
apóiome nas lembranzas
[...]
E quero bailar ao ritmo
do que vive ilusionado
e cabo do do silenciado
cantar quero con paixón
[...]
aspiro a soñar esperta
para facer máis levadeiro
este treito traizoeiro
que garda unha fin incerta
e cantar a gorxa aberta
e deseñar utopías
para encher de luz os días
[...]
coro faise o meu cantar
ao saberme secundada
aíndo sendo abandeirada
dos que as levan de perder...


A PENÚLTIMA: OS NOVOS LECTORES NA BIBLIOTECA

Como o prometido é débeda, aínda que "en tempo de desconto", aquí están as imaxes dos peques de 5 anos chegando á Biblioteca coa súa titora, Olga. Aí os tedes ensinando orgullosamente os seus carnés para poderen entrar.



 E aquí os temos escoitando "O segredo do rei Curro"  que Adrián del Río, alumno de 2º da ESO, lles quixo contar para lles dar a benvida a este espazo do noso cole e agasallalos como merecen...



E ao remate quixemos saber... a quen lle
gustou???
Parece que a moitos


Agardamos velos por aquí con moita frecuencia
no futuro.

18 jun 2013

LECTORES NOVIÑOS DO TRINQUE

Hoxe, 18 de xuño, ás 20:30 horas tivo lugar o acto de graduación das nenas e nenos de Educación Infantil (5 anos). As/os peques soben para o "cole dos maiores" como elas adoitan dicir.
E xa cara a fin do acto, velaí chega o director do centro, don Carlos, e di que vén de recibir un agasallo no seu despacho....

... e na caixa, co agasallo, vén unha carta... para as nenas e nenos de 5, que xa saben ler!


... e ademais, hai un agasallo para cada un... os profes axudan a repartilo e...


SON CARNÉS DA BIBLIOTECA DO COLE!
As nenas e nenos de cinco anos, como xa saben ler, poden desde agora visitar a nosa Biblioteca!


Hai un carné para cadaquén... mi madriña,
isto é xenial!

Xa di a profe Olga que mañá iremos de excursión
ata a Biblioteca...

12 jun 2013

VOLVE O HOBBIT: A desolación de Smaug.

Para Ichigo Kurosaki, que moito gustará desta entrada!



Acaba de facerse público o tráiler oficial da segunda parte de El Hobbit, que leva coma subtítulo La desolación de Smaug.
A estrea terá lugar o 13 de decembro. Xa nos parece un agasallo de Nadal magnífico! Aínda temos na retina as impactantes imaxes de Un viaje inesperado que os dos clubes de lectura fomos ver o pasado decembro... para os que gustamos da épica, de Tolkien e das pelis de Peter Jackson as imaxes resultan hipnóticas...
e semella que introduciron algún cambio na historia: que fai aí Légolas? Será fiel ao "espírito" do gran Tolkien?? Esta peli pon fin á historia ou haberá terceira parte??

7 jun 2013

CONTANDO NA BIBLIOTECA



Co gallo da Festa da ANPA a directiva da asociación convidou á xente de El Faro de los Tres Mundos, libraría e empresa de servizos culturais da nosa cidade, a celebrar unha sesión de contacontos no noso cole para os máis peques -e os non tan peques...

E así, entre Grúfalos e dragóns transcorreu case unha hora do máis agradable e divertido, coa Biblioteca ateigadiña de xente -moitas nenas e nenos, moitas mamás e papás, profes... todos sorrimos máis dunha vez coa mestría e bo facer de Sandra.
  

Abofé que alí non se movía unha folla nin se oía outra cousa que as historias que nos trouxeron os amigos de El Faro de los Tres Mundos. Unha gozada de contos e unha gozada de público!
Parabéns ás nais e pais pola iniciativa!


6 jun 2013

IMOS DICINDO ADEUS... OU ATÉ LOGO!

Comeza a recender a verán no colexio , a exames rematados, a tempo de lecer... imos necesitando
sol e verán!
Aquí temos as mozas e mozos piratas dicíndonos adeus (ou ata logo) na derradeira reunión do seu clube neste curso. Se cadra o ano que vén haberá máis, quen sabe?

Si, xa imos querendo vacacións!!

Por certo, fixádevos no fondo da Biblio,
vai mudando, non si?

4 jun 2013

CARA ONDE VAI A EDUCACIÓN?

O curso vai rematando e xa cómpre ir pensando no futuro... estes mozos que aparecen aquí no vídeo (patrocinado, se cadra non inocentemente, por Telefónica) apuntan cara a unh educación que, semella, estará inequivocamente marcada pola tecnoloxía...
        ... en troques, escoitabamos hai uns días a un catedrático compostelán falar na TV dun tempo de "barbarie tecnolóxica": mozos universitarios incapaces de ler un libro completo, dificultades para facer algo máis que cortar e pegar... cara onde imos?



Respectamos estes plantexamentos, pero non podemos compartilos... se se quere abordar con éxito o desafío tecnolóxico, cómpre ir arranxando as Bibliotecas dos centros: para desenvolver o espírito crítico, para descubrir os grandes valores e dilemas humanos, para aprender a distinguir o importante do irrelevante, para pensar, para que manden a mente e o corazón humanos -e non as pantallas-, para saber relacionarnos cos outros, para.... Todo o demais parécenos falsidade e impostura.