19 feb 2014

VISÍTANOS O LUTHIER XERMÁN ARIAS

Hoxe, 19 de febreiro, tivemos o enorme pracer de recibir nas aulas de Secundaria ao luthier sarriao Xermán Arias, grazas á colaboración do Departamento de Música, representado neste caso pola profe Ana Iglesias, e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, con Olga Matalobos á cabeza.


Poucas veces temos oportunidade de disfrutar da presenza e da palabra dun artesán e artista da altura que hoxe nos ofreceu Xermán Arias. Este home de Sarria agasallounos esta mañá cunha dose enorme de sabedoría, de calma,... foi un saber fondo e antigo o que nos transmitiu de maneira amena, humilde -artesanal- ás mozas e mozos de 2º e 3º da ESO.


Xermán falounos da música tradicional, da súa evolución, das madeiras que se empregan na fabricación de instrumentos -o arce, o abeto, a caoba- dos seus gustos musicais, do tempo lento que require a súa arte. Neste mundo tolo que nos tocou en sorte -onde todo son présas, carreiras e reloxos- o luthier puxo o contrapunto dos longos meses de vernizado, a calma da madeira secando no seu obradoiro, a paciencia de quince anos de aprendizaxe: Outra maneira de ser e de estar no mundo!


Abraiados quedamos e gratisimamente sorprendidos. Xermán non deixou a ninguén indiferente: o silencio absoluto durante a súa exposición, as caras de atención, as numerosas preguntas -que fácil saían hoxe!- dan fe do interese que suscitou este encontro.
Beizón a Xermán e a quen o trouxo!

No hay comentarios: