Hoxe as nenas e nenos de 1º de Primaria, acompañados dos padriños e madriñas de 3º da ESO, fomos camiñando ata o Parque da Milagrosa para visitar a Biblioteca Municipal.
Velaí estamos, de camiño..., sen medo á chuvia nin ao frío!
Logo chegamos e, aos poucos, fomos situándonos e poñéndonos cómodos... uau! que sitio máis chulo, cheíño de libros e contos e debuxos e imaxes e poemas e...
Ao cabo dun anaquiño, xa estabamos todos expectantes por saber que ía pasar alí...
Entón chegou Teresa, a bibliotecaria, que nos explicou moitas cousas: qué é unha biblioteca, que actividades se fan alí, como hai que facer para coller libros e películas. Tamén nos falou do traballo dos bibliotecarios, dos autores e dos ilustradores dos libros... explicounos cómo están colocados os libros e dixo que o seu traballo era moi divertido!
Despois das agarimosas palabras de Teresa puxémonos a traballar... fixemos unha actividade que se chamaba "APRENDIZ DE BIBLIOTECARIO"... non era tan doada, menos mal que os maiores colaboraron cos peques!
Logo houbo outra actividade de colaboración... empezamos a prepara un conto xuntos! Pero disto aínda non imos dicir moito... agardade e veredes!
Para ir rematando contáronnos un conto divertido
que se titulaba
"A figueira de Pelostortos"
Xa ao final a Axudante da Bibliotecaria repartiunos o carné da Biblioteca Municipal a cada un: xa todos somos socios! Podemos volver cando queiramos e levar libros para a casa, e pelis, e discos...
De volta ao cole houbo que repoñer forzas... A profe traía galletas para todos! Iso tamén foi unha sorpresa sorprendente!
E, co bandullo un pouco máis contento...
de volta ao cole! Foi unha mañá estupenda!
E como axudaron os grandullóns da ESO:
Samuel ata fixo de paraugueiro cando non chovía!
No hay comentarios:
Publicar un comentario