25 nov 2021

25N: TECEMOS REDES DE ESPERANZA

 



As do club de lectura e o club de calceta de 3° e 4° da ESO queremos achegar o noso gran de area neste 25 de novembro: velaquí a manta violeta que fixemos entre todas.

Simboliza as redes que a nosa sociedade precisa para acoller ás que sofren violencia, ás mancadas, ás insultadas, ás marxinadas, ás apartadas por seren mulleres. A nosa manta, feita cos retallos que cada unha calcetou e que logo foron cosidos, quere reivindicar unha sociedade que coida e protexe a todas as mulleres que sofren pola súa condición feminina; a nosa manta quere berrar que somos quen de tecer unha sociedade non violenta, unha comunidade onde toda muller sexa libre, dona de si e non teña motivos para sentir medo polo mero feito de ser muller. 

Negámonos a crer que isto sexa unha utopía: cos pequenos xestos e esforzos de cadaquén imos construír esta comunidade aquí e agora, igual que tecemos a manta co retallo de cada unha. 

O noso amor, a nosa sororidade, non ha ser inútil. Existe a maxia e pode ser de todas!

#25N #club da calceta #club de lectura

20 nov 2021

XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

 O noso profesorado  continua formándose día a día! Así, o sábado 20 de novembro, desprazámonos a Compostela ás Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia para aprender novas experiencias que poñer en práctica na nosa biblio. #plambe #bibliotecaescolar




MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

 Xa que estamos no mes da ciencia en galego nas bibliotecas, aproveitamos para facervos algunhas recomendacións lectoras: 

- "O espazo", un libro lúdico para resolver as dúbidas dos máis pequenos.

- "A que cheiran as cores?". O neurocientífico Juan Castro Rivadulla contesta a esa e outras moitas máis curiosidades.

- "A que altura está o ceo?" O físico Jorge Mira describe unha apaixonante viaxe no tempo, dende a Grecia clásica ata os máis recentes descubrimentos sobre o universo.

#plambe #bibliotecasescolares #mesdacienciaengalego