XA ESTÁ AQUÍ!!!
17 dic 2014
27 nov 2014
AS LEAS DAS ODISH E AS OMAR
Un ano máis, volveu A Guerra das Bruxas, da man de Maite Carranza e o seu "clan da loba".
Desde primeira hora da mañá as Omar e as Odish deron mostras de hostilidade, dividindo a clase en dous sectores ben diferenciados, cadaquén co seu emblema ben á vista. Velaquí o comezo de todas as leas: o medo/odio aos diferentes...
(pica nas imaxes para agrandalas)
Logo, na Biblioteca, os clans reuníronse e os seus membros xuráronse fidelidade mutua: a guerra estaba cantada!
E, despois dunha cruenta e sanguenta disputa -con feridas graves por ámbolos dous bandos, as Odish venceron no primeiro asalto... pero as Omar agardan a súa vinganza! (E por se hai que agardar moito, mellor comer unha lambetada, non si?)
25 nov 2014
25 de novembro: NON á violencia contra as mulleres!
25 de novembro: día internacional contra a violencia de xénero
20 nov 2014
1º ESO: CONTOS DE MEDO NO MUSEO
O mércores 19 de novembro as mozas e mozos de 1º da ESO visitaron o Museo Provincial, na praza da Soidade, para participar no programa
"Rutas literarias polo Museo".
Ata alá fomos a media mañá para percorrer tan interesante espazo da man da lectura dos relatos que previamente fixeramos na aula e que tanto interese tiñan suscitado: Velaí están as imaxes, que non menten (malia a súa pobre calidade):
Co guía, Mendoza, preparándose para iniciar as catro rutas diferentes:
Mesmo diante da Escola de Doloriñas...
14 nov 2014
EU DIGO!
Lembrades o vídeo que colgamos aquí a semana pasada sobre as variantes do galego propias da costa oeste do noso país??
Unha moza queixábase de que, cando nena, estando en Ribadeo de excursión, alguén se burlara do seu xeito de falar... e isto é o que teñen que dicir ao respecto estes mozos de Ribadeo... como nos presta!!!
13 nov 2014
ATENCIÓN FANS DE TOLKIEN...
Xa hai días que anda rulando o trailer da 3ª parte de "El hobbit", as pelis baseadas na obra do grandísimo J.R.R. Tolkien que tan queridas son para algúns dos membros dos clubes de lectura...
para ir abrindo boca...
6 nov 2014
Menos leóns de Bagdad???
Vanse asentando os clubes de lectura de toda a Secundaria... os últimos en botar a andar foron os maiores, os de 4º da ESO, os Leóns de Bagdad, que desta volta son menos; ben, na foto falta Yoel, pero aínda así imos quedando menos, xaora; natural.
Poucos, pero magníficos.
Ao igual que a primeira lectura: desta volta a cousa vai de amor, da man do grande Agustín Fdez. Paz:
O único que queda é o amor.
E cando penso en como imos pasar por este mundo, sen deixar nada, despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor.
29 oct 2014
CABAZAS E CASTAÑAS: a festa do outono...
Aínda que climatoloxicamente falando non pareza outono aínda, o calendario non mente... e xa está de volta a xa tradicional festa de outono.
Coma sempre, non faltaron cabazas a concurso, castañas asadas para celebrarmos o MAGOSTO, colaxes de outono, fotografías de outono, os premios dos concursos... e mais a espectacular, coma sempre, mostra de froitos de outono. velaquí van imaxes de todo elo para regalía de todos:
Froitos de outono:
Colaxes:
Fotografías:
Castañas...
e cabazas a eito:
27 oct 2014
GHALEGHO
Ghalegho, o vídeo de Noelia Gómez Calvo para un traballo na Facultade de Xornalismo de Compostela, artellado coa intencionalidade de desmontar os prexuízos lingüisticos entre a mocidade e promover o uso do galego, así como defender a variante dialectal das Rías Baixas, caracterizada polo emprego do seseo e da gheada, en pouco máis dunha semana supera os 80.000 visionados. Unha cifra impresionante que dá para reflexionar sobre o valor deste soporte.
Protagonizado por catro mozos e mozas dos concellos de Rianxo e Dodro, utilizando argumentos sólidos presentados de forma sinxela, botando man da retranca e da fachenda de serm galegofalantes, esta peza de pouco máis de dous minutos convertiuse nun fenómeno viral de grande interese para recuperarmos a nosa autoestima lingüística e a esperanza en que nosa mocidade será capaz de parar o proceso actual de substitución lingüistica.
Beizóns a Noelia e os compañeiros que a acompañan por esta refolada de entusiasmo.
(Brétemas dixit)
24 oct 2014
24 de outubro: A Biblioteca en marcha!
Imos andando. Aquí temos aos participantes nas primeiras reunións
dos clubes de lectura.
Onte, xoves, reunímonos @s moz@s de ÍTACA para comezar a ler O carteiro de Bagdad, de Marcos Calveiro: velaí a xentiña lectora de 2º e 3º da ESO:
Hoxe, 24 de outubro, Día da Biblioteca, a mocidade de 1º da ESO (22 nenas e nenos!!!) vímonos para comezar a ler O clan da loba, de Maite Carranza.
Nós tamén navegar!
22 oct 2014
CALENDARIO DE REUNIÓNS DOS CLUBES DE LECTURA
Lentos pero seguros, imos aló coas datas de reunións para os clubes de lectura no primeiro trimestre do curso 2014/15... Benvidos á casa dos libros!!!
ÍTACA:
xoves, 22 de outubro
xoves, 6 de novembro
venres, 14 de novembro
xoves, 27 de novembro
PIRATAS POLO MIÑO:
venres, 23 de outubro
venres, 7 de novembro
xoves, 20 de novembro
venres, 28 de novembro
LEÓNS DE BAGDAD:
xoves, 29 de outubro
xoves, 13 de novembro
venres, 21 de novembro
xoves, 4 de decembro
21 oct 2014
OUTONANDO...
CONCURSO DE COLLAGE
CATEGORÍAS:
- INFANTIL
-
4º, 5º, 6º PRIMARIA
TEMA:
O OUTONO
DATA DE ENTREGA:
Xoves 23 de outubro
FOTOGRAFAR O OUTONO
CONCURSO DE FOTOGRAFÍA
TEMA:
O OUTONO
DATA DE ENTREGA:
Xoves 23 de outubro
PRESENTACIÓN:
Formato dixital (USB)
17 oct 2014
18 DE OUTUBRO. 2014. Eran as San Lucas de Álvaro Cunqueiro.
Estamos de volta!!!
Damos comezo ao curso 2014/15 desde esta fiestra da Biblioteca e do EDLG do CPR "Divino Maestro" de Lugo.
Coma nos dous anos anteriores, nos arredores do 18 de outubro, día de San Lucas, feira e festa maior na moi nobre e leal cidade de Mondoñedo, en memoria e honra de Don Álvaro, inauguramos a tempada no noso blogue.
Aos poucos, a actividade na Biblioteca vai revivindo, imos pasando follas, de papel e tinta, imos prestando libros, imos véndonos e falando... a modo.
Os peques de 2º de Primaria baixan á súa primeira sesión de
préstamo. Haberá moitas máis...
Semella que na ESO imos ter uns Clubes de Lectura moooi numerosos...
A TOD@S...
QUE TEÑADES UN ANO CHEO DE LECTURAS!
24 jun 2014
VÉMONOS O CURSO QUE VÉN
PASADE TODOS UN BO VERÁN NA COMPAÑA DOS MELLORES RELATOS...
BOAS VACACIÓNS!!
12 jun 2014
PREMIO NO CERTAME LITERARIO DA BIBLIOTECA
Premio da fase local do certame "Letras Galegas 2014" co tema "Cociñando contos". convocado pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo.
A VOZ MÁXICA
A VOZ MÁXICA
Laura
e Irene son dúas nenas de Guitiriz, as dúas encántaballes ler. Xa había uns cantos anos que o 19 de febreiro
recitaban o poema Penélope de Xosé María Díaz Castro, para conmemorar o día do
seu nacemento. Cada ano que o lían, elas e a xente que as estaba vendo
escoitaban a voz dun home recitando ese mesmo poema. Ao principio pensaron que
o imaxinarían eles, logo que sería un veciño gracioso, ... Pero descartaron esa
posibilidade. Deixárono pasar por un tempo, pero despois decidiron ir falar co
alcalde. O alcalde non os cría, pero ante a insistencia dos veciños tivo que
mandar uns investigadores para saber o que pasaba. Volvía ser o 19 de febreiro
e as nenas volvían comezar a recitar o poema, pero esta vez diante dos
expertos. Os cales tamén quedaron alucinados con aquela voz que acompañaba as
nenas. Inmediatamente volveron ir falar co alcalde e ensináronlle un vídeo que
fixera un dos investigadores mentres Laura e Irene recitaban o poema. O alcalde
tamén quedou coa boca aberta, non atopaban ningunha explicación para aquela
voz. Seguían pasando os anos e as anécdotas ían crecendo ata que un 19 de
febreiro mentres recitaban o poema apareceu unha pantasma ao primeiro todos se
asustaron, pero cando a pantasma comezou a falar os maiores do pobo decatáronse
de que era el, era Xosé María Díaz Castro, Todos quedaron abraiados. A mensaxe
que lles traía aquel espírito era que a voz que acompañaba a aquelas nenas era
a del, para manifestar o que lle gustaba a literatura e para explicarlles que
el seguía vivo naquel libro de NIMBOS.
Dende aquel día todos os veciños esperaban impacientes aquel acto. A historia
do que sucedeu foise transmitindo de xeración en xeración e a lectura do poema
seguiuse efectuando.
Andrea
González Luaces - Sexto Primaria
21 may 2014
CELEBRANDO DÍAZ CASTRO
Con certo atraso, o final de curso xa vai pesando, damos conta dalgunhas das actividades que se foron levando a cabo no noso centro para homenaxear a Xosé María Díaz Castro. Houbo exposicións de carteis nos corredores, proxección de vídeos, concursos de narrativa, pintura e debuxo, obradoiros de manualidades arredor da súa obra... e un pequeno acto o día 16 para todo o alumnado de Secundaria e terceiro ciclo de Primaria.
Brais Blanco abrindo ahomenaxe a Díaz Castro no salón de actos.
Xa o día 15 algúns mozos da ESO percorreron as aulas de Infantil para lles contar cousas aos máis pequenos sobre o poeta chairego:
Mostra dos traballos do alumnado de 6º de Primaria arredor de Díaz Castro:
Algúns momentos da entrega de premios dos concursos e do acto de homenaxe...
Quedan as palabras co aire... e el poderán cambiar o mundo?
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus soños non se move...
13 may 2014
TELEXORNAL DÍAZ CASTRO
Iniciamos a publicación e difusión dos moitos materiais publicados este ano para as
LETRAS DE DÍAZ CASTRO.
Informativo que repasa a vida e a obra do autor. Foi emitido o xoves 10 de abril dende a Cidade da Cultura por alumnado do CPI Os Dices de Rois.
Realización: Luís Aldegunde - CPI Os Dices (Rois)
30 abr 2014
PENÚLTIMAS TENDENCIAS
Da man de Ana Gómez e Merce Rodríguez, de 4º e 3º da ESO, respectivamente, traemos esta novidade literaria que xa pode atoparse na nosa Biblioteca: Penúltimas tendencias, libro de poemas da autoría de Carlos Negro.
"Parécenos que expresa moi ben como nos sentimos as mulleres que aínda non o somos respecto ao que a sociedade quere e e espera de nós e temén aquilo que moitas non estamos dispostas a ser".
"Síntome identificada con estes poemas".
"Vivimos na ditadura do espello".
"Di o que moitas pensamos".
Son algúns dos comentarios que Merce e Ana fixeron ao respecto desta obriña que parece ter dado no albo ao tentar porlle voz a moitas mozas adolescentes dos nosos días que pulan por se liberaren dun modelo de muller -ou fadas ou princesas- que afoga e mata -si, mata-.
Falaremos novamente deste libro, pero mentres tanto recomendamos vivamente a súa lectura non só a adolescentes, senón a todas e todos cantos precisen palabras, argumentos -armas, en definitiva- para confrontar os seus sentimentos cos roles e clichés que a sociedade parece querer impoñernos, neste caso, ás mozas dos nosos días.
Amigos, amigas, a subversión é posible.E necesaria.
29 abr 2014
UN PROXECTO QUE VAI REMATANDO.
Achégase a fin de curso e os proxectos que iniciamos hai tempo van chegando ao seu cabo. É o caso do proxecto de apadriñamento lector
entre 3º da ESO e 1º de Primaria.
Hoxe andamos por estas dúas aulas para rematar o material que elaboramos: logo poderemos asistir á exposición dos libriños que fomos creando xuntos!
Suscribirse a:
Entradas (Atom)