12 jun 2013

VOLVE O HOBBIT: A desolación de Smaug.

Para Ichigo Kurosaki, que moito gustará desta entrada!



Acaba de facerse público o tráiler oficial da segunda parte de El Hobbit, que leva coma subtítulo La desolación de Smaug.
A estrea terá lugar o 13 de decembro. Xa nos parece un agasallo de Nadal magnífico! Aínda temos na retina as impactantes imaxes de Un viaje inesperado que os dos clubes de lectura fomos ver o pasado decembro... para os que gustamos da épica, de Tolkien e das pelis de Peter Jackson as imaxes resultan hipnóticas...
e semella que introduciron algún cambio na historia: que fai aí Légolas? Será fiel ao "espírito" do gran Tolkien?? Esta peli pon fin á historia ou haberá terceira parte??

7 jun 2013

CONTANDO NA BIBLIOTECA



Co gallo da Festa da ANPA a directiva da asociación convidou á xente de El Faro de los Tres Mundos, libraría e empresa de servizos culturais da nosa cidade, a celebrar unha sesión de contacontos no noso cole para os máis peques -e os non tan peques...

E así, entre Grúfalos e dragóns transcorreu case unha hora do máis agradable e divertido, coa Biblioteca ateigadiña de xente -moitas nenas e nenos, moitas mamás e papás, profes... todos sorrimos máis dunha vez coa mestría e bo facer de Sandra.
  

Abofé que alí non se movía unha folla nin se oía outra cousa que as historias que nos trouxeron os amigos de El Faro de los Tres Mundos. Unha gozada de contos e unha gozada de público!
Parabéns ás nais e pais pola iniciativa!


6 jun 2013

IMOS DICINDO ADEUS... OU ATÉ LOGO!

Comeza a recender a verán no colexio , a exames rematados, a tempo de lecer... imos necesitando
sol e verán!
Aquí temos as mozas e mozos piratas dicíndonos adeus (ou ata logo) na derradeira reunión do seu clube neste curso. Se cadra o ano que vén haberá máis, quen sabe?

Si, xa imos querendo vacacións!!

Por certo, fixádevos no fondo da Biblio,
vai mudando, non si?

4 jun 2013

CARA ONDE VAI A EDUCACIÓN?

O curso vai rematando e xa cómpre ir pensando no futuro... estes mozos que aparecen aquí no vídeo (patrocinado, se cadra non inocentemente, por Telefónica) apuntan cara a unh educación que, semella, estará inequivocamente marcada pola tecnoloxía...
        ... en troques, escoitabamos hai uns días a un catedrático compostelán falar na TV dun tempo de "barbarie tecnolóxica": mozos universitarios incapaces de ler un libro completo, dificultades para facer algo máis que cortar e pegar... cara onde imos?



Respectamos estes plantexamentos, pero non podemos compartilos... se se quere abordar con éxito o desafío tecnolóxico, cómpre ir arranxando as Bibliotecas dos centros: para desenvolver o espírito crítico, para descubrir os grandes valores e dilemas humanos, para aprender a distinguir o importante do irrelevante, para pensar, para que manden a mente e o corazón humanos -e non as pantallas-, para saber relacionarnos cos outros, para.... Todo o demais parécenos falsidade e impostura.

28 may 2013

TELEXORNAL ROBERTO VIDAL BOLAÑO


No CPI Os Dices, de Rois, elaboraron esta pequena alfaia que é un inmellorable traballo sobre o homenaxeado este ano co gallo das Letras Galegas. Un telexornal memorable. Ficamos sen palabras e quitámoslles o chapeu aos profes e alumnos participantes. Noraboa: é, sen dúbida, o mellor que levamos visto pola rede sobre o sobranceiro dramaturgo de Compostela:

24 may 2013

NON HAI QUINTO MALO!

Tremendo orgullo e satisfacción que sentimos hoxe no acto de entrega dos galardóns do V Certame de Relato Curto do Concurso "Novos Talentos" de Coca Cola.
A nosa Laura Cernadas acadou un meritorio 5º posto, o que equivale a dicir que o seu relato foi un dos 25 mellores entre os máis de 6000 participantes en toda Galicia (si, máis de 6000!).
O acto de entrega, longo dabondo, fíxose moi agradable coa teatralización que dous actores fixeron da figura de Rosalía e do seu home, Manuel Murguía, ademais dunha emotiva interpretación do "Negra Sombra" (no tema do concurso e máis no acto lembrouse o 150 aniversario de Cantares Gallegos).
Parabéns a Laura e a agardar xa pola vindeira quenda, que alá iremos de novo, se Deus quixer!

20 may 2013

PREMIO NO CONCURSO DE RELATO CURTO DE COCA COLA!!


Alegrámonos inmensamente de vos anunciar a todos que Laura Cernadas González, de 2º da ESO, é unha das gañadoras do Concurso de narración curta patrocinado pola multinacional Coca-Cola.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro día 24 de maio no Círculo das Artes, aquí na cidade de Lugo. Entón saberemos cal é o posto definitivo que acadou Laura. Sexa cal sexa, xa ten un mérito enorme ser unha das triunfadoras.Parabéns Laura! Beizón sempre.

Por certo que había tres anos que non acadábamos un premio neste concurso. Naquela altura a grande Inma Alonso viñera para a casa cun segundo premio, que
foramos recoller a Compostela.
Casualidades da vida, Laura herdou o número de Inma
coma socia da Biblioteca do noso Colexio.
 Abofé que é unha digna herdeira!