17 abr 2013

AÍ VÉN O MAIO DAS LETRAS!





Imos achegándonos a maio e bolen as actividades e os concursos arredor das letras e a lingua que nos son propias. Tamén, como non, temos o certames que no noso cole convoca o Equipo de Dinamización da Lingua para homenaxear a Vidal Bolaño. Imos aló cos de PRIMARIA:


CERTAMES LETRAS GALEGAS 2013

1º CICLO DE EP: concurso de debuxo
·        Os debuxos presentaranse nun folio A-4
·        O tema será: Vivir en Galicia
·        O prazo de presentación remata o 3 de maio
·        Os traballos asinaranse cun seudónimo e acompañados dun sobre co seudónimo escrito fora; dentro deben introducir un papel co nome e apelidos, así como o curso do alumno.
·        Estableceranse dous premios por categoría
·        A entrega de premios farase o día 16 de maio durante a celebración do festival das Letras Galegas

2º CICLO DE EP: concurso de debuxo con lema


·        Os traballos presentaranse no plantel ofrecido polo ENDL
·        O tema versará sobre a potenciación do uso do galego
·        O prazo de presentación remata o 3 de maio
·        Os traballos asinaranse cun seudónimo e acompañados dun sobre co seudónimo escrito fóra; dentro deben introducir un papel co nome e apelidos, así como o curso do alumno.
·        Estableceranse dous premios por categoría
·        A entrega de premios farase o día 16 de maio durante a celebración do festival das Letras Galegas

3º CICLO DE EP: concurso de narración
·        Os traballos terán unha extensión máxima dun folio A-4 polas dúas caras
·        O tema será: Galicia
·        O prazo de presentación remata o 3 de maio
·        Os traballos asinaranse cun seudónimo e acompañados dun sobre co seudónimo escrito fóra; dentro deben introducir un papel co nome e apelidos, así como o curso do alumno.
·        Estableceranse dous premios por categoría
·        A entrega de premios farase o día 16 de maio durante a celebración do festival das Letras Galegas


 ÁNIMO E A TRABALLAR!!!

11 abr 2013

OS CATRO DA FAMA

Estes catro que aquí locen, Vito, Laura, Dánel e Karla, serán os nosos representantes no concurso de redacción de Coca-Cola que celebrará a súa segunda fase o vindeiro día 19 na nosa cidade.
Desde xa, queremos darlles azos renovados e desexarlles a mellor das sortes. Que a inspiración, a imaxinación e a fortuna non lles sexan esquivas.
O esforzo dámolo por descontado.

ÁNIMO!!!
Talento -abofé- non lles falta.

10 abr 2013

POIS CLARO QUE TEMOS RAZÓN!!!

Nós pensamos que na educación non hai atallos... parécenos que aprender non é improvisar... cremos que sen lectura non se madura!

E seica temos razón. Que si, que o din os científicos, que son os que saben: o Ministerio de Educación, a través do Instituto de Evaluación Educativa vén de difundir unha investigación da Asociación para a Avaliación dos logros académicos na que, coma sempre, os resultados españois quedan por debaixo da media da UE en mates, ciencias e... LECTURA!

Pois ben, entre as conclusións que o grupo de investigación tira do estudo, lemos:

- As nenas e nenos de familias que incentivan o interese pola lectura conseguen mellores resultados, aínda cando sexan familias en contornos desfavorecidos.

   - Existe un impacto positivo e significativo das actividades de lectura que pode provocar que o alumno mellore os seus resultados, chegando incluso a pasar de estar moi rezagado e con grande probabilidade de repetir a situarse na media da clase.

   - A formación en lingua e os hábitos de lectura do estudante son dúas variables con gran incidencia nos resultados, particularmente relevantes nas familias con menor nivel educativo...

E non o dicimos nós, desde a Biblioteca, que nos vén de oficio, dío xente de fóra. Parece que estiveran pensando no Divino Maestro cando tiraron as súas conclusións!

Obviamente, ler non é receita máxica que todo o cure. Hai que estudar, hai que esforzarse, hai que pensar... pero coa lectura todo é moito máis doado!

9 abr 2013

DOCES PALABRAS DE CARAMELO

Hoxe tivemos unha xornada moi especial na Biblioteca do Centro: o último dos cinco encontros cun escritor programados para este ano. E resultou unha xornada memorable.
Doces Palabras de Caramelo as que nos trouxo Gonzalo Moure Trenor coa súa voz de veludo, chea de matices, fonda e antiga, directa ao corazón, con aroma de verdade e honestidade.
O alumnado de 5º de Primaria, acompañado dos Piratas polo Miño de 1º da ESO, disfrutaron durante case hora e media da presenza e da palabra deste auténtico cidadán do mundo. Gustou moito a lectura da obra, si, e non decepcionou a manchea de historias, de anécdotas, de sucedidos que hoxe nos foi debullando este home nado en Valencia, residente en Asturias, falante de galego, de hassaní, de español... e capaz de facerse entender só co movemento das súas mans.

E díxonos cousas verdadeiramente importantes este home sabio:
"a literatura é máis profunda cá vida"...  "facede que cada día sexa un día máis, enchédeo de contido, que nunca sexa un día menos"... "os nenos do Sáhara son máis felices ca nós e non teñen nada de todo canto temos nós"... "só escribo o que me conmove"... "igual ca vós, só busco ser feliz"... "non quero transmitir ningunha mensaxe, só quero contar as miñas historias"... "escribide"...
e dicindo cousas así de serias, profundas, interesantes, cousas que tanto dan que pensar, tívonos así de atentos:



Ao rematar, e despois da correspondente sinatura de libros, fixemos unha foto con Gonzalo para lembrar este día que para tantos de nós ficará prendido na memoria.


6 abr 2013

CERTAME LITERARIO (OUTRO)

Achégase maio, mes das letras, e coa caloriña
-agardamos- veñen numerosas convocatorias de certames e concursos de redacción.

Falamos agora da convocatoria anual da
Biblioteca Nodal polas Letras Galegas 2013.

Poden participar os socios da Biblioteca Pública (a de Ramón Ferreiro, vaia) co tema A TODA MÁQUINA.
Poden presentarse narracións (unha cara dun folio)
ou debuxos (cartolina DIN A4) co mesmo tema nos dous casos.
Tres categorías: ata 8 anos, de 9 a 11 e de 12 a 16

Prazo: Ata o 9 de maio.

Hai dúas convocatorias: a local e a provincial.

Veña eses artistas divinos a traballar!

CERTAME LITERARIO


IV CERTAME DE LITERATURA XUVENIL

"ENTRE IGUAIS"

Convoca o Concello de Lugo: dúas categorías (12-14 e 15-18), tema libre relacionado coa igualdade entre homes e mulleres; o prazo remata o 22 de maio. Botádelle unha ollada ao slideshare para ler as bases íntegras.
Pensádeo e a afiar os lapis.
Ou a prender os ordenadores, vaia.


3 abr 2013

FINA CASALDERREY NA NOSA BIBLIOTECA

Onte, 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, a nosa Biblioteca tivo a inmensa honra e o pracer de acoller a presenza e a palabra da mestra e escritora Fina Casalderrey, Premio Nacional de Literatura Xuvenil e académica da Lingua Galega.

Coidamos que non esaxeramos se dicimos que Fina nos engaiolou a todos os que alí estivemos coa súa palabra, coa súa cercanía: durante hora e media as mozas e os mozos de 6º de Primaria -ademais de algúns de 3º da ESO- escoitaron atentisimamente á autora de O misterio do Faro Vello falando da súa obra, do oficio de escritora, da vida de mestra, relatando pequenas historias que fan a Historia, deixándonos anaquiños de vida para axudarnos a ir facendo as nosas ...

Tamén houbo preguntas, comentarios, interacción, sinatura de libros... moras con azucre para ir saboreando aos poucos, palabras que saían do seu corazón buscando os nosos: sabedoría, experiencia, savoir faire, amor polo oficio de ensinante, paixón pola palabra escrita, foi o que nos transmitíu a de Pontevedra.

Deixounos un gran sabor de boca, a profes e a nenas/os, e agradecemos profundamente á editorial Xerais o galano desta nova visita:
escoitar a Fina fíxonos a todos mellores. Seguro.