21 may 2014

CELEBRANDO DÍAZ CASTRO

Con certo atraso, o final de curso xa vai pesando, damos conta dalgunhas das actividades que se foron levando a cabo no noso centro para homenaxear a Xosé María Díaz Castro. Houbo exposicións de carteis nos corredores, proxección de vídeos, concursos de narrativa, pintura e debuxo, obradoiros de manualidades arredor da súa obra... e un pequeno acto o día 16 para todo o alumnado de Secundaria e terceiro ciclo de Primaria. 


Brais Blanco abrindo ahomenaxe a Díaz Castro no salón de actos.

Xa o día 15 algúns mozos da ESO percorreron as aulas de Infantil para lles contar cousas aos máis pequenos sobre o poeta chairego:
 

Mostra dos traballos do alumnado de 6º de Primaria arredor de Díaz Castro:
 

Algúns momentos da entrega de premios dos concursos e do acto de homenaxe...
 

Quedan as palabras co aire... e el poderán cambiar o mundo?

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus soños non se move...

13 may 2014

Fai clic no enlace baixo a fotografía e divírtete co Pasapalabra que argallaron os nosos veciños do Colexio da Ponte:

TELEXORNAL DÍAZ CASTRO

Iniciamos a publicación e difusión dos moitos materiais publicados este ano para as 
LETRAS DE DÍAZ CASTRO.
Informativo que repasa a vida e a obra do autor. Foi emitido o xoves 10 de abril dende a Cidade da Cultura por alumnado  do CPI Os Dices de Rois. 

Realización: Luís Aldegunde - CPI Os Dices (Rois)

30 abr 2014

PENÚLTIMAS TENDENCIAS

Da man de Ana Gómez e Merce Rodríguez, de 4º e 3º da ESO, respectivamente, traemos esta novidade literaria que xa pode atoparse na nosa Biblioteca: Penúltimas tendencias, libro de poemas da autoría de Carlos Negro.
"Parécenos que expresa moi ben como nos sentimos as mulleres que aínda non o somos respecto ao que a sociedade quere e e espera de nós e temén aquilo que moitas non estamos dispostas a ser".
"Síntome identificada con estes poemas".
"Vivimos na ditadura do espello".
"Di o que moitas pensamos".

Son algúns dos comentarios que Merce e Ana fixeron ao respecto desta obriña que parece ter dado no albo ao tentar porlle voz a moitas mozas adolescentes dos nosos días que pulan por se liberaren dun modelo de muller -ou fadas ou princesas- que afoga e mata -si, mata-.

Falaremos novamente deste libro, pero mentres tanto recomendamos vivamente a súa lectura non só a adolescentes, senón a todas e todos cantos precisen palabras, argumentos -armas, en definitiva- para confrontar os seus sentimentos cos roles e clichés que a sociedade parece querer impoñernos, neste caso, ás mozas dos nosos días. 
Amigos, amigas, a subversión é posible.E necesaria.

29 abr 2014

UN PROXECTO QUE VAI REMATANDO.

Achégase a fin de curso e os proxectos que iniciamos hai tempo van chegando ao seu cabo. É o caso do proxecto de apadriñamento lector 
entre 3º da ESO e 1º de Primaria.
 Hoxe andamos por estas dúas aulas para rematar o material que elaboramos: logo poderemos asistir á exposición dos libriños que fomos creando xuntos!


 


24 abr 2014

DE VOLTA NO DÍA DO LIBRO!

Ola a todas e todos! Xa estamos de volta no terceiro e derradeiro trimestre deste  curso 2013/14. 

E foi chegar e darnos de fuciños co 23 de abril, Día do Libro, que é tanto coma dicir Día da lectura, dos lectores, das bibliotecas... ben é verdade que este ano case non tivemos tempo de argallar actos de celebración de data tan sinalada e tan significativa para nós.

Malia todo, e ademais das accións que se levaron a cabo en cada clase, organizamos un sinxelo acto na Biblioteca onde, quen quixeron, nos trouxeron unha mostra de algún dos seus libros favoritos, nos leu o seu comezo e armamos un humildísimo mural con todo iso: pobre homenaxe ao libro e á lectura, pero sentido e ben garimoso, como demostra a imaxe que nos amosa a biblioteca ateigada, a pesares de ser tempo de recreo e actividade totalmente voluntaria, xaora! 


Por certo, o actiño tamén serviu de homenaxe ao grande Gabriel García Márquez: comezamos por ler Cien años de soledad. E el, hai mellor homenaxe que ler a súa obra?

Diversos momentos da presentación de obras e lectura das primeiras palabras de cada unha:


 

 

Detalle dos muraliño que elaboramos:



E das obras que trouxemos e presentamos:




11 abr 2014

DESPEDÍMONOS (temporalmente) DESEXANDO SORTE...

Sorte para os mozos e a moza de 2º da ESO, Víctor, Martín e Ainara -ao igual que xa fixeramos con Santiago- que foron os representantes do Colexio "Divino Maestro" na proba en castelán do concurso de narrativa "Novos Talentos" organizado e patrocinado por Coca- Cola. 


Cos seus sorrisos e o seu traballo dicimos ATA LOGO! para volver atoparnos á volta de Semana Santa. Empezaremos, xaora, celebrando o Día do Libro.