14 feb 2014

Imos gañando???

8:20 da mañá; a carón do colexio... 
                                                      e el iremos gañando?

 

Moza, lendo, libro en galego...

13 feb 2014

Contando, contando... imos andando!

Este xoves, 13 de febreiro, tivemos diversas sesións de contacontos e animación á lectura no colexio a cargo de Benxamín Míguez, da editorial Rodeira-Edebé.



Houbo sesións en Infantil (onde se tomaron estas imaxes), en 1º de Primaria (para presentar A pastelaría de dona Remedios, que os nenos lerán proximamente), e tamén en 3º de Primaria.




Benxamín falou do poder dos contos e da imaxinación: coa maxia dos contos @s nen@s pérdenlle o medo á escuridade, ás pantasmas, ao papón que dorme debaixo da cama...


Benxamín tamén nos lembrou que aos papás e ás mamás lles gusta ler contos antes de durmir e que se se lles pide que lean aos seus fillos/as... SEMPRE O FARÁN!!!



Para ampliar as imaxes, facede clic sobre elas.

¿COMO É UN POEMA?


Os "Leóns de Bagdad" andamos lendo poesía: Poetízate, antoloxía de poesía galega.

E xa aprendemos algo importante, da man do poeta vasco Kirmen Uribe:

"Un poema é coma unha onza de chocolate: escura, pequena e o máis bo do mundo"

Velaí:
 


12 feb 2014

PREMIO PARA MARÍA VILLAMOR

María Villamor Yáñez, de 6º de Primaria, vén de recoller un dos premios da fase local do 21º certame de poesía sobre "O Nadal" convocado pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo.


Ademais da Biblioteca Pública de Lugo, participaron nenas e nenos doutras 23 Biblioteca Públicas de toda a provincia de Lugo. Chama a atención que dos dezasete premiados en toda a provincia, quince (15!!!) foran nenas: a esperanza ten a faciana de muller (tamén no eido da lectura e a escrita!)

Parabéns enormes e agarimosos a María e a quen impulsou a súa participación e a dos seus compañeiros, que non foi outra que a incansable Mª Teresa Rodríguez Pol.

O xurado observa a María recollendo o seu premio


Todos os galardoados (chegados desde Burela, Sarria, Monterroso, 
Antas de Ulla, A Fonsagrada...) posan para a foto de familia.

11 feb 2014

CONTOS A EITO

Continuamos co proxecto "Apadriñamento lector" entre alumnado de 3º da ESO e 1º de Primaria. Desta volta tocou ler un conto por parellas... ben, lía a madriña ou o padriño e escoitaban as afilladas e afillados pequerrechos. Porén, o mal tempo e as catarreiras, gripes e demais non dan tregua e faltaban un par de maiores e cinco ou seis cativos... mirade que cara de disgusto se lles puxo ás madriñas e padriños que non tiñan nena ou neno para lles ler (Brais andaba despistado):

Recolocadas as parellas, demos comezo á actividade, repartíndonos por aulas, biblioteca, corredores...
Velaí estamos, lendo e relendo:

 

Merce e Manuel                                    Ángel e Cintia

 

Adrián e Icía                                       Amaya e Samuel

 

Silvia e Rubén                                        Álex e Noa

 

Marco, Dani e Nuria                              Karla, Brais e Dante

 

Samuel  e Noa                                          Santiago e Mélaris

 

Elora e Unai                                            Omar e Cristina

 

Adrián e Xiana                                       Laura e Pablo

 

Alejandro e Emma                                   Rebeca e Pablo

 

Rocío, Cris e Tomás                                Dani e Laura

Como nos prestou a lectura: a todos, aos que contaron e a os que escoitaron... escoitaron, preguntaron, comentaron, pediron outro, dixeron, aconteceron... e finalmente... fixeron. 
E que fixeron? Pois pintaron. Desta volta cada ovella coa súa parella, non só pintaron os peques, senón que os maiores tamén colaboraron activamente até rematar a obra... VOILÁ!

 

 

E iso foi todo por este día... a semana que vén...,
 a semana que vén teremos grandes novidades!!!!!




10 feb 2014

PARABÉNS A "PALABRAS DE AUGA"

Seguramente moitos lembraredes a visita de Marcos Calveiro á nosa Biblioteca no curso pasado. Case todos os clubes de lectura  pasamos un moi bo anaco lendo as súas "Palabras de Auga". Pois ben, esta obra vén de ser recoñecida na lista de recomendacións do IBBY (The International Board on Books for Young people), organización que traballa no eido da literatura infantil e xuvenil en todo o mundo e que cada ano selecciona as mellores obras publicadas para nen@s e moz@s  ao longo e ancho do mundo mundial. Pois ben, entre as obras galardoadas este ano temos as "Palabras de Auga" do noso amigo, Marcos Calveiro.
Énchenos de alegría e de fachenda este recoñecemento para as "Palabras de Auga", para o autor e para a Literatura Xuvenil Galega. 

6 feb 2014

A LADROA DE LIBROS

Chégannos noticias desta película,que está en carteleira nos cines de Lugo, e falan dela en termos moi eloxiosos no que respecta á visión que dá da lectura e da literatura:


Así fala Manuel Bragado, Brétemas, -director de Ed. Xerais- desde o seu blog, www.bretemas.com :

" Sei que non é unha obra mestra, nin sequera unha fita redonda, maiA ladroa de libros, a película de Brian Percival baseada nobest-seller xuvenil homónimo de Markus Zusak, paga a pena.
 (...)
As interpretacións de Geoffrey Rush e Emily Watson, a utilización da Morte como narradora (un recurso narrativo presente xa na novela de Zusak) e algunhas esceas memorables –como cando o xudeu agochado lle propón a Liesel, a heroína lectora, que lle describa o tempo que vai fóra, ou cando ela comeza a contar no refuxio antiáereo, engaiolando a súa veciñanza, mentres caen as bombas– abondan para recomendar vivamente esta película. Ademais, convén salientar o seu indubidable carácter de recurso didáctico, xa que pode axudar nas clases de lingua e literatura para abordar o tema do valor das palabras (vida) e da creación literaria coma mellor representación do mundo. Ideal para persoas letraferidas e para debater nos clubs de lectura de mozos e mozas."