2 abr 2013

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL


O 2 de abril, data do nacemento de Hans C. Andersen, celébrase o Día do Libro Infantil e Xuvenil, co ánimo de promover a lectura entre as máis novas e novos, así  coma as obras máis salientables neste eido.
Nós, este ano celebrámolo ao grande coa presenza anunciada de Fina Casalderrey na nosa biblioteca, da que vos daremos cumprida conta mañá.
Para ir abrindo boca deixámosvos o cartel e a mensaxe desta celebración e, de agasallo, un dos famosos anuncios da Libraría Gandhi -arxentina, non facemos publicidade- que incitan á lectura. Por se vos pode provocar un sorriso.
Encetamos o último trimestre.

.
Lemos xuntos, ti e eu.
Vemos que as letras forman palabras
e as palabras convértense en libros
que estreitamos nas nosas mans.
Oímos murmurios
e ríos buliciosos nas súas páxinas,
osos que cantan
graciosas melodías á lúa.
Entramos en misteriosos castelos
e das nosas mans soben ata as nubes
árbores florecidas. Vemos nenas valentes que voan
e nenos que atrapan as estrelas.
Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,
percorrendo o mundo coa alegría nos libros.


22 mar 2013

VÉMONOS EN 10 DÍAS

Despedímonos ata dentro de 10 días con este fermosísimo debuxo que nos fixo Merce Rodríguez, de 3º da ESO: nótase que estamos estudando o Renacemento???
Pois iso mesmo, aproveitade o tempo: traballade, disfrutade, lede, amade, rezade, soñade, ide e vide, ride, chorade, compartide, loitade, pensade, indignádevos... collede o momento! CARPE DIEM: "...coged de vuestra alegre primavera el dulce fruto antes que el tiempo airado cubra de nieve la hermosa cumbre..."


TAREFAS PENDENTES

Remata o 2º trimestre e marchamos para descansar ao longo de dez días: tempo de descanso, de reunións familiares, procesións... pero aínda así quédannos algunhas tarefas pendentes:
o 2 de abril, a iso das 12:15, os de 6º de Primaria teñen un encontro con Fina Casalderrey, Premio Nacional de Literatura, recén elexida para a Real Academia Galega e autora de O misterio do faro vello.


Para os que queiran saber máis, poden ir averiguando cousiñas na páxina web da autora, que atoparán facendo clic aquí. Deixamos tamén enlace permanente na columna da esquerda en
SIGUE LENDO.


Un pouquiño máis tarde -o 9 de abril- os de 5º de Primaria, capitaneados pola súa profe Teresa, e algúns Leóns de Bagdad recibirán a outro dos grandes: Gonzalo Moure e as súas Palabras de Caramelo.

 Coma no caso de Fina, dexamos aquí, a un só clic, a súa páxina web oficial, que tamén poñeremos en
Sigue Lendo.


A todos, boas lecturas!

E que ninguén esqueza que temos pendente a pintura da Biblioteca!!!

20 mar 2013

NISTO DA LECTURA, INFANTIL CONTA MOITO!


Benxamín Míguez, un dos mellores narradores orais do país, protagonizou, xunto con todo o alumnado de Infantil, a última actividade de animación á lectura que se desenvolveu no centro: unha sesión de contacontos e debuxo que fixo as delicias dos "benxamíns" do cole, como ben veredes nas fotografías.
Todo isto estivo organizado polas titoras de Educación Infantil en colaboración coa xente da editorial Rodeira/Edebé.
Resulta que había tres monstros...

e os nenos tamén falaron...

e pasámolo moooi ben...

e falamos do sol e da lúa, e da saúde, e do medo...

e o Benxamín fíxonos protagonistas..

e fíxonos uns debuxos im-presionantes

Mira que estivemos atentos!

 Miredes por onde miredes... foi un gran día!

Porque o primeiro que hai que aprender é a escoitar, a falar, a debuxar, a contar e a cantar... e logo xa imos aprendendo a ler e a razoar!



QUEDA INAUGURADA A PRIMAVERA

Hoxe, 20 de marzo, ás 12:02 h., empezou oficialmente a primavera, se cadra o mellor tempo do ano.
 Xa notades o sangue un pouco máis alterado?
Saudamos, pois, a señora primavera co cadro de Botticelli:
se cadra aos de 3º da ESO lles di algo...
a primavera, o renacer...

17 mar 2013

O CORAZÓN DE XÚPITER

Veñen os de Ítaca de rematar a lectura de O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, publicado en Fóra de Xogo, de Xerais. A verdade é que a obra gustounos moito, enfadounos, enganchounos, conmoveunos, fíxonos pensar, enfadarnos...

Tanto foi así que os Leóns de Bagdad decidiron lela a continuación, e niso andamos. Para animar aos colegas de 2º da ESO e que todo o  mundo vexa o que facemos nos clubes, estes catro campeóns -Javi Suárez, Antonio Vila, Andrea Gutiérrez, Jennifer Núñez- déixannos unha pequena mostra no vídeo que enlazamos.

E por certo: recomendámosvos a obra se estades buscando unha lectura amena, entretida, que te mova á reflexión e trate temas de rabiosa actualidade! Non vos defraudará, seguro!

14 mar 2013

IMPORTANTE DOAZÓN

Importante doazón á Biblioteca do noso Centro a que vén de facer
Mª Teresa Rodríguez Pol.
En efecto, trátase dunha xoia bibliográfica que moito nos gorenta a todos cantos amamos o papel e a  tinta: son os dous volumes da
LÍRICA PROFANA Galego-Portuguesa
editados primorosamente polo Centro de Estudos Ramón Piñeiro. Noutras palabras e para entendernos: a colección completa das cantigas de amor, de amigo, de escarnio e maldicir que forman a lírica galega medieval:
Cando fomos os mellores.
Agradecémosllos á mestra sempre xenerosa e gasalleira que é a nosa compañeira.
GRACIÑAS!
E tranquilos os de 3º da ESO: este ano non os imos empregar...