20 mar 2013

QUEDA INAUGURADA A PRIMAVERA

Hoxe, 20 de marzo, ás 12:02 h., empezou oficialmente a primavera, se cadra o mellor tempo do ano.
 Xa notades o sangue un pouco máis alterado?
Saudamos, pois, a señora primavera co cadro de Botticelli:
se cadra aos de 3º da ESO lles di algo...
a primavera, o renacer...

17 mar 2013

O CORAZÓN DE XÚPITER

Veñen os de Ítaca de rematar a lectura de O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, publicado en Fóra de Xogo, de Xerais. A verdade é que a obra gustounos moito, enfadounos, enganchounos, conmoveunos, fíxonos pensar, enfadarnos...

Tanto foi así que os Leóns de Bagdad decidiron lela a continuación, e niso andamos. Para animar aos colegas de 2º da ESO e que todo o  mundo vexa o que facemos nos clubes, estes catro campeóns -Javi Suárez, Antonio Vila, Andrea Gutiérrez, Jennifer Núñez- déixannos unha pequena mostra no vídeo que enlazamos.

E por certo: recomendámosvos a obra se estades buscando unha lectura amena, entretida, que te mova á reflexión e trate temas de rabiosa actualidade! Non vos defraudará, seguro!

14 mar 2013

IMPORTANTE DOAZÓN

Importante doazón á Biblioteca do noso Centro a que vén de facer
Mª Teresa Rodríguez Pol.
En efecto, trátase dunha xoia bibliográfica que moito nos gorenta a todos cantos amamos o papel e a  tinta: son os dous volumes da
LÍRICA PROFANA Galego-Portuguesa
editados primorosamente polo Centro de Estudos Ramón Piñeiro. Noutras palabras e para entendernos: a colección completa das cantigas de amor, de amigo, de escarnio e maldicir que forman a lírica galega medieval:
Cando fomos os mellores.
Agradecémosllos á mestra sempre xenerosa e gasalleira que é a nosa compañeira.
GRACIÑAS!
E tranquilos os de 3º da ESO: este ano non os imos empregar...

13 mar 2013

TEMOS WEB



Pois si. Desde hai uns días xa está operativa a páxina web do Colexio, á que se pode acceder poñendo na barra de enderezos www.divinomaestrolugo.com ou desde aquí mesmo picando na ligazón anterior. Parécenos que está moi currada e quedou moi ben, todo grazas ao traballo dos responsables das TIC no centro. E como eles nos poñen un enlace na sección de Biblioteca, nós correspondémoslles igualmente deixando unha ligazón permanente nun dos menús laterais...
por certo, se no futuro alguén pregunta: "e desde cando tedes páxina web?" a resposta será fácil de recordar:
"pois foi polo tempo en que foi escollido o Papa Francisco I"...
Que Habemus Papam!

... E fixástevos no contador de visitas do blog?
Xa van aló máis de 5000! Non está mal para 4 meses...
GRAZAS A TODOS!

10 mar 2013

HELP!!!

Pois si, necesitamos axuda. E contámosvolo a ritmo de The Beatles. Estamos pensando en repintar a Biblioteca e necesitamos mans para axudarnos a darlle unha man de cor  ao recinto que nos acolle acotío. De modo que, se tedes maña para darlle ao rulo ou á brocha, non temedes manchar unha camiseta vella ou mandar unha tarde colaborando no centro... correde anotarvos!
Tamén se aceptan suxestións sobre
as cores a empregar....

4 mar 2013

MIL COUSAS PODEN PASAR

Efectivamente, mil cousas poden pasar, ou incluso dúas mil, cando a aventura corre a cargo de JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO, o escritor e ilustrador que nos visitou hoxe na Biblioteca e que compartiu o seu tempo co alumnado de 2º e 4º de Primaria.
Eles leran, previamente, A pedra e a formiga e Mil cousas poden pasar, respectivamente. E o Jacobo contoulles cen historias sobre os seus relatos, as súas ilustracións, o oficio de escritor, os libros... Ademais de todo iso, como se pode ver por aquí

ensinounos as súas ilustracións...

debuxounos os personaxes dos libros...

asinounos os nosos exemplares...

e posou con todos nós...

e seguiu asinando libros aos de Cuarto...

e  tamén se fotografou con eles...

...e para rematar, deixounos esta lindísima sinatura:

De modo que ficamos moi contentos e moi agradecidos a este enorme escritor e ilustrador que se desprazou desde Vigo para estar connosco, os seus lectores. GRAZAS!!!