24 oct 2012

LIBROS NOVOS NO CATÁLOGO

A medida que avanza o curso van chegando novidades á nosa Biblioteca. Hoxe queremos destacar dúas obras que vimos de catalogar e que poden ser do interese de moitos mozos e mozas de Secundaria. A primeira delas é Palabras de Auga, de Marcos Calveiro. Foi a súa obra O carteiro de Bagdad a que lle deu nome ao Clube de Lectura de 2º da ESO.

En palabras do xenial autor,"esta novela trata dunha tribo nun lugar indeterminado de África que está no medio da sabana, no medio das secas, esfameada, fuxindo das guerrillas, da violencia e da fame. Palabras de auga alude a iso, a que non teñen auga. Alude a unha situación desesperada na que teñen que buscar o alimento mentres agardan a que o chamán reciba a inspiración dos deuses e decida sobre o seu futuro. A historia narra, en capítulos alternos e a través de flashbacks, como chegaron ata ese momento, todo visto polos ollos dun neno de once anos que se chama Amadou."
       Semella ben apetecible e recomendable.


Por outra banda chégannos estes Relatos de terror, de H.P. Lovecraft, un dos fundadores e mestres do xénero.
Relatos de terror reúne oito contos de Lovecraft (“A tumba”, “Do máis alá”, “Herbert West, reanimador”, “O can”, “A ceremonia”, “El”, “A besta da cova” e “O alquimista”) que amosan como este xenial autor foi o inventor dun novo xénero, o conto materialista de terror, no que utiliza os símbolos que se manteñen no inconsciente das persoas para espertar eses terrores ancestrais que xacen dentro do noso cerebro. Trátase desa literatura de terror «cósmico» que se dirixe á parte máis fonda do cerebro, dominada polos instintos e emocións que están na orixe do xénero humano.

Desde xa, ao voso dispor na Biblioteca.


1 comentario:

Melina López dijo...

Polo menos a Lovecraft nono podedes perder...boa colleita!